Cartas ao director

A Xustiza

Alguén, cunha mínima visión imparcial, pode crer que a xustiza española é independente?

 

Existen infinitos exemplos de parcialidade, imos ver algúns: a Audiencia Nacional é a continuación do antigo Tribunal fascista de Orde Público. Coa desculpa do terrorismo etarra, mantívose, e aí segue, e utilízana para o que lles peta. Se temos os Tribunais Superiores de Xustiza e o Tribunal Supremo, para que se necesita? En Escocia, que din falsamente que ten menos competencias que Cataluña, o Tribunal Superior dese país ten as máximas competencias; por riba del non está ningún outro Tribunal. No caso catalán agora intervén a Audiencia Nacional, cando no ano 2008, nun caso similar, mantívose a marxe, alegando que non era da súa competencia.

 

En España a xustiza é lentísima cando se trata de xulgar, por exemplo, o caso Gürtel, ou todos os casos de corrupción do PP ou dos poderosos, mais é moi lixeira para inhabilitar Garzón ou Elpidio Silva cando lle trataron de meter man a casta ou agora ao Goberno Catalán. Nestes casos non existen falta de medios.

 

O actual ministro de Xustiza está reprobado polo Parlamento Nacional, igual que o Fiscal Xeral do Estado por incumprir normas básicas da democracia e deberían ter demitido fai tempo. O  anterior Fiscal do Estado, como o de agora, nomeado polo goberno, tivo que demitir por ter cartos en paraísos fiscais. Vaia exemplo para perseguir os corruptos!

 

En España a xustiza é lentísima cando se trata de xulgar, por exemplo, o caso Gürtel, ou todos os casos de corrupción do PP ou dos poderosos, mais é moi lixeira para inhabilitar Garzón ou Elpidio Silva

 

O Consello Xeral do Poder Xudicial non é plural, están repartidos os seus cargos maioritariamente entre o PP e o PSOE, igual que no Tribunal Constitucional. Por exemplo no TC o Goberno nomea dous membros directamente e o Senado nomea os mesmos membros que o Congreso, cando todos sabemos que o Senado non é representativo da sociedade, pois por exemplo Soria ten os mesmos senadores que Barcelona. 

 

Claro que hai algúns xuíces  imparciais, como o xuíz Castro, mais teñen que exercer de heroes para resistir todas as presións da casta e poder emitir unha sentencia xusta, que despois é recorrida por todos os medios económicos e xurídicos e o final queda en nada, como foi o xuízo da Infanta Cristina. 

 

Moita xente seguro que coñece a maior parte destes exemplos citados, mais tería que meditar si podemos afirmar que un Estado é democrático cando ten unha xustiza parcial, chegando incluso a que Xuíces para a Democracia pida á ONU que comprobe a “grave situación” da xustiza española. 

 

Xosé-Bieito Coello Coello. As Pontes