A Xustiza páralle os pés ao PP na súa teima de desmantelar a sanidade pública

O Superior de Castela-A Mancha paraliza a orde de pechar 21 servizos de urxencias nocturas ditada polo goberno que preside Dolores de Cospedal. Na Galiza, o Sergas ten xa unha listaxe cos centros que pretende pechar e recoñece estar a estudar "a súa eficiencia". Os núcleos do rural serían os máis afectados


O Tribunal superior de xustiza de Castela-A Mancha vén de decretar a suspensión cautelar da orde ditada polo Goberno autonómico para pechar os centros de urxencias nocturnas que entrou en vigor esta segunda feira.

A xustiza ponlle freo deste xeito á intención de María Dolores de Cospedal (PP) de desmantelar o servizo de emerxencias sanitarias mediante a reordenación de horarios en 21 puntos de atención continuada, de tal xeito que oito deles pecharían ás tres do serán e outros trece ás oito do serán. Todos deberán volver funcionar con normalidade xa desde esta noite.

"Esta decisión vén corroborar as denuncias que estamos realizando", sinala Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade pública, enfatizando a idea de que as políticas de austeridade aplicadas á saúde "xeran desigualdades e cébanse cos colectivos máis vulnerábeis". No caso galego, e segundo a vara da Xunta que mide a eficiencia en número de usuari@s, a poboación máis desfavorecida sería a do rural e o Sergas puxo xa riba da mesa a posibilidade de pechar servizos de urxencias.

Malia que confía en que a decisión da xustiza castelá convide o Goberno galego a reflexionar, Manuel Martín sostén que "a vontade" é seguir os pasos de Cospedal, e asegura ter constancia da existencia "dun plan" de peche de centros "a moi curto prazo" na Galiza e dunha listaxe "onde figuran as localidades afectadas". Acrecenta que o feito de que un punto de atención continuada (PAC) non sexa moi concorrido "non significa que sexa menos necesario", lembrando a dispersión poboacional e as malas comunicacións que caracterizan os núcleos do rural, para alén dunha poboación envellecida.

Nunha comparecencia perante a imprensa, a xerenta do Sergas, Nieves Domínguez, recoñeceu que o departamento que dirixe Rocío Mosquera está a estudar "a eficiencia" dos PAC, e dixo non saber se algún destes servizos fora considerado xa "ineficiente". De ser así "habería que pechalo", sinalou Domínguez. Con todo, a información que manexa SOS Sanidade pública é outra. "Aos traballadores dos servizos de urxencias xa lles están a anunciar cambios nas súas condicións laborais", explica Manuel Martín, se ben non pode confirmar se entre as mudanzas que prepara a consellaría de Sanidade haberá despedimentos.