A xustiza desestima o recurso de Galicia Bilingüe: a consulta do PP ás familias, seis veces ilegal

[Jesús Vázquez no Parlamento. Imaxe: SG]
O colectivo que preside Gloria Lago quería escoller a lingua nas aulas tamén na primaria, nos libros de texto e nas comunicacións oficiais da consellaría de Educación. En base ao sinalado nas outras cinco sentenzas, o TSXG recalca que corresponde á administración regular o idioma a usar nos centros de ensino non en función das preferencias de proxenitores ou alumnado, senón atendendo a criterios pedagóxicos


O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza desestimou esta segunda feira o recurso interposto polo colectivo Galicia Bilingüe en contra do decreto 79/2010, aprobado pola Xunta do PP en base ao xa argumentado nas sentenzas precedentes sobre a elección do idioma. Até cinco veces, seis con esta, dixo a máxima instancia xudicial que a consulta vinculante ás familias é ilegal --artigo 5.2--, como ilegal é tamén que cada alumn@ se exprese na aula no idioma que prefire --artigo 12.3--, eludindo os criterios pedagóxicos.

Considerou o TSXG que as reclamacións de Lago contraveñen normas de rango superior, tales como resolucións do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional en que se determinaba que as decisións dos poderes públicos non virían condicionadas pola libre opción dos interesados na lingua docente, e subliña o TSXG que o Constitucional unicamente recoñece ás e aos proxenitor@s unha esfera de elección, que fai referencia á relixión, ficando polo tanto a regulación do uso da lingua fica á marxe de preferencias.

Que máis quería Galicia Bilingüe?

Após a aprobación da norma, a presidenta de GB, Gloria Lago, non ficara conforme co reparto das horas lectivas ao 33% entre o galego e outras dúas linguas estranxeiras, nomeadamente español e inglés, e presentou unha queixa perante o Superior "para gañar algo, un pouco, da liberdade comprometida no seu día" por Núñez Feijóo, que fixera da "imposición lingüística" que denunciaba Lago unha das bazas electorais na campaña que o levou a San Caetano en 2009.

Así as cousas, queixábase Lago de que a norma do PP non garantía "en toda a súa extensión o dereito a recibir a primeira ensinanza na lingua materna", pois as consultas ás familias faríanse unicamente na etapa de Infantil, excluíndo a primeira etapa da primaria. Porén, até cinco resolucións do Supremo botan por terra tal consulta, sinalando que é deber da consellaría de Educación regular a lingua en que se imparten as aulas.

Aínda que a máxima instancia xudicial do país sinalou tamén como ilegal a disposición en que o PP deixaba á escolla do alumnado a lingua en que se expresaren nas aulas, Galicia Bilingüe no seu recurso ía máis aló e exixía que tamén o estudantado puidese decidir en que idioma estaban redactados os libros de texto, "pois o ámbito de determinación da lingua por parte da administración esgótase na lingua do docente", explicou daquela o colectivo que preside Lago.

Galicia Bilingüe pediu tamén que se evitase que a consulta do PP ás familias deixase "ao libre arbitrio" do centro ou dunha instrución da consellaría o ámbito concreto de aplicación do resultado da consulta: na aula? No centro educativo? Só durante un curso? Porén, a resolución xa non responde a tal consideración, sinalando que "fica libre de contido" perante a sentenza da mesma sala ditada o 21 de novembro, pola que se anula o capítulo ao que faría referencia a queixa do colectivo, o número 5. Por derradeiro, as nais e pais que se agrupan en GB reclamaron seren el@s quen escollese a lingua empregada pola consellaría de Educación nas súas comunicacións.