A Xunta alega que as necesidades de persoal especializado nos colexios coruñeses están cubertas, pero anuncia reforzos

[Imaxe: Xunta] O delegado territorial da Xunta reuniuse coa Asociación de Directores e Directoras de Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria da Coruña
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, asegurou esta quinta feira, día 10, nunha xuntanza coa Asociación de Directores e Directoras de Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria da Coruña, que as necesidades dos colexios coruñeses que reclaman persoal especializado están cubertas. Porén, avanzou que se reforzará algún colexio con máis horas de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica e se destinará algunha coidadora en todos aqueles casos nos que tanto a dirección do centro como inspección educativa o consideren necesario.

Rodeiro mantivo esta quinta feira unha reunión de traballo con representantes para analizar o arranque do curso escolar nos colexios da Coruña, despois da mobilización que esta semana congregou máis de 200 persoas na Delegación da Xunta en protesta polas carencias de persoal especialista de atención á diversidade nunha ducia de centros educativos da Coruña e a súa comarca.

Tal e como informan desde a Xunta, o representante do Goberno galego contrastou coa representación dos e das directoras que, tras a reunión mantida a semana pasada cos equipos directivos de sete centros educativos que reclamaban máis persoal especializado, "están cubertas as súas necesidades". “Partimos dunha previsión inicial co persoal dispoñíbel pero a medida que avanza o curso analízanse os casos nos que se precisa máis persoal e se vai asignando cando se considera necesario”, recalcou  Rodeiro. Neste sentido, o delegado territorial salientou, segundo se recolle na nota informativa da Xunta, que se reforzará algún colexio con máis horas de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica e se destinará algunha coidadora ou coidador en todos aqueles casos nos que tanto a dirección do centro como inspección educativa o consideren necesario.

A respecto das demandas das nais e pais de máis persoal, a Xunta indica que "a Xefatura Territorial de Educación ten que traballar con criterios serios e baseados nos acordos que se pactan entre os equipos directivos e a inspección educativa”. Nesta liña, sinala que todas as reivindicacións teñen que trasladarse ás direccións dos centros para que poidan abordarse posteriormente coa inspección educativa. Segundo fixo constar durante a xuntanza o delegado territorial, "unha de cada dez profesionais do ensino son especialistas para a Atención á Diversidade". A este respecto, alegou que, "pese ao axuste orzamentario destes últimos anos, Galiza incrementou o número de profesionais que se dedican á atención á diversidade, posto que no curso 2009/2010 sumaban pouco máis de 2.700 e hoxe contamos con máis de 3.500”.