A solución da Xunta para @s afectad@s pola mina de Xinzo: "ide vivir a outro lado"

[Imaxe: plataf. Corno do Monte]

A subdirectora xeral de Recursos mineiros reúnese coa plataforma Corno do Monte e recoñece "que non sabe nada da provincia de Ourense e da Limia aínda menos" e que ninguén a informou de que se trataba dunha comarca agrogandeira onde a maior parte da poboación "vivimos das nosas terras"


A Xunta de Galiza puxo riba da mesa unha solución para @s veciñ@s da Limia afectad@s polo proxecto mineiro Faramontaos 5089.1, no cal a empresa española Minercer propón a explotación a ceo aberto dunha mina de fesdespato.

Nunha xuntanza mantida entre representantes da plataforma Corno do Monte contra a mina e a subdirectora xeral de Recursos minerais, María José Mijares, esta última transladoulles a posibilidade "de que merquemos terras noutro lado e nos vaiamos de Xinzo". 

Corno do Monte, que ten convocadas mobilizacións todos os 27 de cada mes, cadrando co mercado que se celebra na vila, aproveitou que desta volta caeu en sábado e foi máis numerosa que de costume, para transladar as informacións recibidas esta semana, no encontro que mantiveron con Mijares en Compostela. 

"Non sabe nada da provincia de Ourense nin da comarca da Limia"

Segundo sinalou a presidenta e voceira do colectivo, María Díaz, a responsábel da Xunta "non sabe nada da provincia de Ourense, e da Limia sabe aínda menos", tal e como lles tería recoñecido ela propia durante a xuntanza. "Seica non lle dixeron nada de que nós vivimos das nosas terras, nin de cantos somos nin de que producimos", enfatizou Díaz ao remate da manifestación, que xuntou por volta de 200 persoas nas rúas de Xinzo. O bo tempo levou a moit@s agricultor@s a aproveitar para sementar as patacas. 

Para alén desta 'solución' achegada desde a Xunta, a subdirectora xeral propuxo tamén á veciñanza que procuren fórmulas para conviviren coa mina, prometéndolles "que non vai facer moito ruído, malia que as máquinas traballarán todas as noites". O proxecto de Minercer contempla a creación de "dez" postos de traballo e a cambio desaparecerán "máis de 200", pois nesta zona agrogandeira "hai persoas que, por si propias, teñen xa 20 obreiros contratados". Dos dez empregos que a empresa di que creará, "tres son de alta cualificación e os outros sete xa os trae este señor canda el", polo que nin o argumento do desemprego nin o da perda de poboación se sosteñen. 

A corporación municipal de Xinzo, PP local incluído, rexeita a mina

"En que momento un goberno apoia que unha empresa de fóra veña quitar feldespato, é dicir, baldosas, dun solo agrícola?", pregúntase María Díaz. Con todo, para alén do informe en contra emitido polo Concello e no cal está de acordo toda a corporación municipal, PP local incluído, na Xunta explicaron que sobre os plans de Minercer non foi redactado ningún outro documento en contra, enfatizando a benzón que recibiron de consellarías como Medio Ambiente, Urbanismo e Industria. 

Como exemplo do que vai acontecer citan o caso de Feldespatos Sarreaus, a poucos quilómetros de Xinzo, un proxecto mineiro subvencionado pola Xunta malia ficar emprazado na ZEPA (Zona de especial protección de aves) da Limia e que foi abandonado pola empresa concesionaria após entrar en concurso de acredores e pechar en 2009. Detrás de si deixou seis bidóns con 1.200 litros de ácido fluorhídrico, un composto químico altamente tóxico e contaminante por contacto ou inhalación que se filtrou aos solos, segundo denunciou o verán seguinte o colectivo ecoloxista Ríos Limpos após descubrir os bidóns polo "cheiro pestilente" que emitían.

A mina de feldespato afectará 400 hectáreas de produción agrícola na Limia e conta con outras tantas alegacións en contra presentadas por sindicatos agrarios como o SLG e colectivos ecoloxistas como a Sociedade galega de historia natural, para alén d@s propi@s veciñ@s. O censo catastral da Galiza na Cámara mineira sinala como as oito aldeas que están a facer forza contra a mina (San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá, nos concellos de Xinzo e Trasmiras) son só un bocadiño moi pequeno do pastel para o cal Minarcer solicitou licenza de investigación. Di María Díaz que a empresa española "vai arruinar todo o sur da Limia".