Tesoirada do 35% nas axudas a centros de atención á discapacidade, xa en mans privadas

Imaxe: Marcos Guisasola
Delegad@s da CIG concéntranse diante da consellaría de Benestar e exixen entrevistarse con Beatriz Mato e urxir unha xuntanza entre patronal e sindicatos en que se negocie un convenio galego que regule as condicións de traballo dun cadro de persoal que nalgúns casos se viu abocado a aceptar baixadas do 60% nos seus salarios para manter o centro aberto

Delegadas e delegados da CIG nos centros de atención a persoas con discapacidade concentráronse esta terza feira ás portas da consellaría de Traballo e Benestar para denunciaren a situación "crítica" dun servizo do cal "os medios falan pouco", mais cuxo funcionamento é indispensábel para que afectad@s por autismo ou síndrome de Down reciban atención.

"Xa é grave que este servizo non estea atendido pola administración", sinalou Xosé Lois Ribera, membro da Executiva da federación de Ensino da central nacionalista, lembrando que nada máis dous destes centros dependen a día de hoxe do departamento que dirixe Beatriz Mato. O resto están en mans de entidades privadas que "por sorte e de momento" son na súa meirande parte asociacións de nais e pais das persoas afectadas, isto é, entidades sen ánimo de lucro.

A man da empresa privada tamén toca este servizo
Porén, de facermos memoria lembraremos que o primeiro de xuño o Diario oficial da Galiza facía públicos os convenios que Mato asinou para os catro primeiros meses do ano. Na relación de entidades beneficiarias, as maiores contías van parar a Asociación Galega San Francisco (Agasfra) --2.082.955,32€--, para contribuír ao mantemento dos servizos que presta a través dos seus centros de atención a persoas con discapacidade da súa titularidade; e a Esclavas de la Virgen Dolorosa-Crecente --1.038.441,60€-- para contribuír ao mantemento do servizo que presta a través do Centro Residencial Asistencial Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey.

Tales axudas resultaron rechamantes, pois neste mesmo ano deixaron de funcionar o centro de menores de Montealegre, en Ourense, e o de Soutomaior, en Ferrol. Alén destes, o pasado ano a consellaría de Benestar eliminou o centro de atención especializada do Santiago Apóstolo, e privatizou o centro Souto de Leixa, en Ferrol, que acabou sendo propiedade do grupo empresarial CLECE, vinculado a Florentino Pérez e, por conseguinte, cun ánimo de lucro presumíbel. Estes dous últimos centros prestaban atención, xustamente, a persoas con diversidade funcional.

Aceptar unha baixada do 60% nos salarios para manter o centro aberto
Entrementres, as asociacións de nais e pais sosteñen a actividade "con escasos recursos", dependendo das axudas que achegan as distintas administracións, nomeadamente a autonómica, tal e como explica Ribera. Así, as delegadas e os delegados que secundaron a protesta diante da consellaría rexistraron un escrito en que solicitaron unha entrevista con Mato para preguntar polo recorte do 35% que o seu departamento practicou nas subvencións destinadas aos centros, o que provocou retrasos nos pagamentos e un problema laboral derivado dos meses que o cadro de persoal estivo sen cobrar, nalgúns casos até tres meses. Nalgúns casos, tal conflito derivou nunha rebaixa salarial de até o 60% que, motu propio, @s propi@s traballador@s aceptaron.

Para alén de cuestionar a Mato polos recortes e de procurar "o seu compromiso con este servizo", CIG quere que a Xunta emprace a patronal e sindicatos para negociar un convenio galego, pois o regulamento dos centros no que atinxe ao persoal contratado depende dun convenio negociado en Madrid e con ámbito estatal que se publiciou esta mesma terza no BOE. Nel contémplanse rebaixas nas condicións laborais e "non se adapta ás condicións específicas de Galiza". O noso territorio ten competencias específicas nesta materia, mais o PP mantívoas estes tres anos no letargo.