A Xunta recorta competencias aos consellos escolares dos centros educativos

comedor escolar

Mandou unha circular notificando que limitan contratacións de servizos, no que desde a CIG entenden como un adianto do que vai vir coa Lomce

A Consellería de Educación estase a adiantar á aplicación da Lomce e iniciou un proceso para eliminar competencias dos consellos escolares dos centros de ensino. Así o denuncia a CIG, que afirma que a Xunta enviou aos centros “novas instrucións” polas que “limitan ás direccións” as contratacións da xestión do servizo de cafetería.

“De feito enviou aos centros novas instrucións para realizar este curso a contratación do servizo de cafetería en todos os Institutos de Galiza, poñendo fin aos contratos que estiveron en vigor durante este curso. O contrato de xestión terá unha duración dun curso académico”

Recortes

A CIG-Ensino critica, aliás, que estas instrucións establezan que a adxudicación da cafetería teña que facela a dirección do centro, “sen someter a decisión ao Consello Escolar, que até o de agora era o organismo en que se realizaba a adxudicación”.

Denuncia, así mesmo, que esta instrución da Consellaría de Educación é “o inicio do recorte das competencias do Consello Escolar e, por tanto, un adianto abusivo da aplicación da LOMCE que aínda está en trámite no Parlamento Español”.