A Xunta recoñece a concesión de licenzas ilegais de caza, mais segue adiante coa temporada

Adega presentou unha demanda perante a fiscalía en prol dunha investigación ''profunda e obxectiva'' sobre os permisos para a actividade cinexética e a pesca fluvial outorgados entre 2009 e 2012. Di o colectivo ecoloxista que os feitos dos cales informou ao TSXG poderían constituír delitos vinculados á corrupción

 

Após presentar unha denuncia perante a fiscalía do Tribunal superior de xustiza de Galiza pola concesión de licencias de caza ilegais desde o Servizo de conservación da natureza da Coruña, a asociación ecoloxista Adega exixe a suspensión temporal da temporada cinexética.

Así as cousas, a propia consellaría de Medio Ambiente --da cal depende a dirección xeral de Conservación-- recoñeceu o incumprimento da Lei 4/1997, en relación aos requerimentos que contempla para que opta por vez primeira a un permiso de caza. En concreto, emitíronse licenzas sen que o seu titular superase o chamado 'exame do cazador' nin pagase as taxas correspondentes. Admitiu tamén o departamento que encabezou Agustín Hernández durante o goberno Feijóo que se abriu un expediente a un traballador do Servizo de conservación da Coruña por estes feitos.

Porén, Adega dubida da implicación dunha única persoa do cadro de persoal, pois "a complexidade do proceso administrativo para a obtención destas licenzas determina que neste participen, supervisen, examinen, certifiquen e tramiten as taxas distintos cargos", polo que reclama responsabilidades políticas. Aliás, e sabedora de que se emitiran licenzas ilegais, a Xunta seguiu adiante coa temporada de caza. Ao fío, o colectivo ecoloxista reclama da fiscalía unha investigación "profunda e obxectiva" en relación coa concesión de permisos para a caza e a pesca fluvial entre 2009 e 2012, período en que o persoal implicado veu desempeñando os seus cargos.

Segundo detalla a denuncia presentada perante o TSXG, de se confirmar a información que manexa Adega, no Servizo de conservación da natureza da Coruña teríase cometido un delito de corrupción por parte de persoal público --prevaricación, trato de favor, suborno, malversación de caudais públicos e falsidade documental--, para alén dun delito ambiental por permitir a práctica da caza en situación ilegal; e doutro contra a seguridade pública por abrir a porta á tenza de armas de fogo obtendo o permiso en virtude desa licenza ilegal.

A teima do PP en reformar a Lei de caza: un intento de abrir a veda
A Lei 4/1997, que Adega ve vulnerada, intentou mudala o PP na última lexislatura pondo riba da mesa un borrador cuxa elaboración custou 49 mil euros e que, en esencia, viña a ser o mesmo que a norma do 97, maquillada ao gusto do cazador e reducindo o papel da Xunta á simple tramitación de permisos.

O texto finalmente nin chegou a entrar no Parlamento para o seu debate, pois a oposición social e do movemento ecoloxista conseguiu que a consellaría de Medio ambiente non o entendese como 'lei prioritaria'. Adega chegou a redactar unha contrarreforma ao entender que, de saír adiante a achega da Xunta, na práctica o que suporía sería entregar de facto a xestión da actividade cinexética á Federación galega de caza.

Os prazos de cesión dos terreos para o aproveitamento cinexético situábanse en dez anos, falando mesmo de cesións indefinidas. Se a persoa titular non accedía, tería que afrontar os gastos de sinalización da finca. Os grupos ecoloxistas ficaban fóra dos comités provinciais e do comité nacional de caza, de onde tamén desaparecía a voz das universidades e d@s profesionais da investigación.

Autorizábanse competicións fóra do periodo hábil, supondo na práctica poder cazar durante todo o ano; e abría espazos protexidos á libre declaración de explotacións cinexéticas comerciais de caza maior. En derradeiro, pretendía rebaixar até os 14 anos a idade mínima para a práctica desta actividade.