A Xunta permite voos turísticos de helicópteros no Sil que ameazan a águia real, en extinción na Galiza

Helicóptero na Ribeira Sacra
No Día Mundial das Aves, Adega anuncia que vai denunciar os feitos ante a Fiscalía após o Valedor recoñecer que a actuación da Xunta é prexudicial neste caso. Nos Canóns do Sil habitan unha das escasas parellas existentes na Galiza de águia real.

 

Apenas media ducia de parellas de águias reais (Aquila chrisaetos) habitan na Galiza, sendo unha especie en perigo crítico de extinción e que é obxecto dun Plano de Recuperación. Algunha destas poucas parellas reprodutoras de águia fixaron nos Canóns do Sil, na Ribeira Sacra, o seu hábitat. A obriga da Xunta sería a de protexer e conservar un valioso patrimonio para o país. Mais o goberno galego estaría a xogar un outro papel, como vén de denunciar, coincidindo coa celebración este domingo do Día Mundial das Aves, a asociación ambientalista Adega.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza reitera neste día a denuncia feita hai un ano sobre a construción dun heliporto turístico nun cámping ubicado no concello de Parada do Sil, en pleno LIC dos Canóns do Sil. Desde aí, helicópertos faría voos turísticos sobre a zona, área de cría das parellas de águias reais, uns voos que poderían, denuncian os ambientalistas, ter graves consecuencias sobre esta especie e a súa conservación.

Para o Valedor, a actuación da Xunta "resulta claramente perxudicial para o ben xurídico protexido", a aguia real

Gravidade

A gravidade dos feitos levou a Adega a pedir á Xunta que fixese unha investigación. O Valedor do Pobo notificou a Adega que, sinala este colectivo, a actuación da Xunta limitouse a "iniciar un expediente sancionador... e deixalo caducar; negarse a facilitar información tanto a ADEGA como ao Valedor e impedir a personación da nosa entidade no expediente sancionador contra Aeronaves del Noroeste SL".

Complicidade

Alén disto, para o Valedor, a actuación da Xunta "resulta claramente perxudicial para o ben xurídico protexido [a aguia real] pola norma sancionadora que quedou sen efectividade".

Por todo isto, desde Adega anúnaciase que van poñer en coñecemento da Fiscalía este comportamento da Xunta "para que dirima as eventuais responsabiliades. Porén, pola súa incompetencia, desprezo polas leis, bulra ao Valedor e prácticas escurantistas, os actuais responsábeis da Dirección Xeral de Conservación da Natureza non deberían seguir nin un minuto máis tendo conta do noso patrimonio natural".