A Xunta permite unha plantación de eucaliptos nunha área que será en breve Rede Natura

Imaxe: Xermán García
A Administración prefire os eucaliptos ás herbas de namorar, mesmo que estean en perigo de extinción e só existan na Galiza. A zona reforestada, no concello de Palas de Rei, será en breve Rede Natura. Adega poñerao en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente por incumprimento das leis de conservación e de protección contra os incendios.

Puideran parecer insignificantes, só unha herbiña máis ou unha outra flor da primavera, pero as especies que porá en perigo a plantación de eucaliptos permitida pola Xunta en Palas de Rei, non só están en perigo de extinción senón que ademais, nalgún caso só existen na Galiza. É o caso da santolina melidensis ou dunha caste de herba de namorar (a armeria merinoi) propia das zonas de Melide, Ordes e A Capelada.

Foi o carácter excepcional destas especies o que contribuíu a facer posible que esta área vaia ser en breve Rede Natura. A Xunta está obrigada á súa protección de querer respectar a Lei de Conservación. Calquera persoa, de arrincalas, estaría a cometer un delito, segundo apunta Fins Eirexas, de Adega. A Administraría autonómica estaría, insiste, a incumprir a lei.

A plantación pasa ademais por alto a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobada en 2007. Non só por supor un cambio de usos nun terreo que até o de agora era agrario senón porque, até hai apenas dous meses, esa área foi incendiada e, segundo apunta a norma, sería preciso agardar tres anos como período de cautela para volvela a utilizar.

Os danos poden ser irreversibles, segundo apunta Adega, pois, para as especies afectadas pois son precisamente os cambios de hábitat a principal ameaza para a súa supervivencia. “A administración, sabendo da súa existencia, está a permitir un cambio de usos que degrada o seu hábitat”, apunta Eirexas. As tres especies en perigo que sinala Adega -a armeria merinoi, a santolina melidensis e o iris boissieri -unha caste de lirio morado endémico no noroeste ibérico- forman parte do Catálogo Galego de Especies Ameazas.