A Xunta expedienta Estela Eólica e finiquita o proxecto do Irixo para ampliar Sogama

Imaxe: Galiza Contrainfo
Aínda que será o goberno escollido o 21-O quen lide coa polémica da xestión dos residuos, o PP deu xa un paso e inicio conversas co alcalde de Cerceda para ampliar as instalacións da incineradora e que o novo complexo funcione en 2017. O rexedor (PSOE) dixo estar ''disposto a permitir'' a planta porque ''como xa temos unha, convivimos coa incineración de maneira natural''

A segunda Sogama non se construirá finalmente no Irixo. A través dun comunicado, a Xunta de Galiza vén de anunciar a apertura dun expediente a Estela Eólica, a empresa adxudicataria da planta de incineración que o PP pretendía colocar no Sur do país "por incumprimento dos compromisos fixados no seu plan industrial para a construción dun complexo de xestión de residuos". O rotundo rexeitamento veciñal manifestado en repetidas e multitudinarias mobilizacións fixeron recuar a consellaría de Industria ás portas da campaña electoral.

Será o novo executivo escollido o 21-O nas urnas quen terá que lidar co emprazamento do complexo de xestión de residuos, mais o departamento que dirixe Javier Guerra iniciou xa os contactos co concello de Cerceda. O goberno municipal da localidade coruñesa puxo xa riba da mesa as súas condicións se finalmente asome unha ampliación das instalacións de Sogama.

"A non xustificación dos investimentos requiridos nos prazos previstos, dentro da tramitación do concurso eólico, así como a non creación dos postos de traballo fixados ante a Comisión de Seguimento dos Plans Industriais, levou á comisión, seguindo a normativa relativa ao concurso, á apertura dun expediente por incumprimento", sinala a Xunta nunha información colocada na páxina web.

Cerceda ''convive de maneira natural'' coa incineradora, di o alcalde
Así as cousas, o PP tería iniciado xa os contactos co goberno local de Cerceda, en mans de José García Liñares (PSOE), quen sinalou nalgunha entrevista na prensa que, se ben non pide unha segunda incineradora para o seu municipio, "estariamos dispostos a permitila". E deu razóns: "hai unha década que convivimos cunha. Os países máis avanzados do mundo teñen incineradoras, mais non hai ningunha en Etiopía. Xa lle dixen eu ao conselleiro que a incineradora do sur ten que vir para Cerceda porque ninguén a quere. O tema dos residuos ten moi mala prensa. Aquí, como xa temos unha, a xente convive con ela de forma natural".

Após proceder á reforma do Plan de residuos sólidos de Galiza, a intención do PP é manter os prazos pensados nun inicio para a planta do Irixo e que o novo complexo, xa ampliado, comece a funcionar en 2017. A mesma data en que o movemento ecoloxista galego pide que se peche o complexo que funciona en Cerceda desde 1995.

Plantas para compostaxe e nas bisbarras
Fixérono a través do Programa pola terra, que presentaron conxuntamente as organizacións Amigos da Terra, Adega, Cemma, Federación ecoloxista galega e Sociedade galega de historia natural co ollar posto nas eleccións de outubro. Entenden estes colectivos que o debate non é onde colocar unha segunda Sogama, e denunciaron o empeño do PP en apostar por un "modelo caduco" para a xestión dos residuos.

En troques apostan pola construción de plantas de compostaxe nas bisbarras da Galiza, facendo así fincapé na proximidade, e pola posta en funcionamento dun sistema de reciclaxe onde as prioridades sigan a orde lóxica que marca a normativa europea: redución, a reutilización, a reciclaxe, a compostaxe e, por último, a incineración con recuperación de enerxía.

A outra cara de Sogama funciona en Galiza e está en Lousame
A este respecto, na Galiza funciona desde 2003 outra forma de tratar os residuos: a planta de compostaxe de Lousame, na comarca do Barbanza. Ao redor do mito da creación de emprego, os datos negan o argumento da Xunta e apuntan a que a compostaxe xera máis postos de traballo. Así as cousas, en Sogama traballan 91 persoas, mentres na planta de Lousame hai emprego para 150 operari@s.

Sogama só xera 14 empregos por cada 100 mil toneladas tratadas, o ratio máis baixo de todas as incineradoras do estado. En comparación, a planta do Barbanza ten 150 empregad@ para 34 mil Tm/ano polo que, de asumir un volume de residuos igual ao da planta de Cerceda, xeraría 438 postos de traballo. Considerando o orzamento da incineradora do Irixo —200 millóns de euros— e os empregos que prometeron crear —200—, resulta un investimento de 1 millón de euros por emprego.