ECOLOXISMO

A Xunta esquiva as preguntas sobre a execución da sentenza que dá o pau a Ence

O conselleiro de Medio Ambiente non quixo comprometerse a que o Goberno galego faga efectiva a sentenza do Supremo que insta a anular a licenza da multinacional pasteira. Desde o Concello de Pontevedra celebran o fallo da Xustiza española, ''unha viaxe mortal para a Xunta, Ence e o TSXG''

O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, non quixo comprometerse no Pleno do Parlamento a que a Xunta de Galiza faga efectiva a recente sentenza do Tribunal Supremo, en virtude da cal o acordo do 2003 con Ence deberá ser anulado. A teor deste pacto foi aprobado o Proxecto Sectorial da pasteira, así como as autorizacións ambientais integrais para consolidar a fábrica na ría de Pontevedra.

Desde o Concello, o titular de Ordenación do Territorio, César Mosquera, considerou que a maneira de proceder de hai nove anos "non é máis ca unha radiografía de como funcionan os poderes na sociedade galega", pois o presidente de Ence era daquela José Luís Méndez --ex director xeral de Caixa Galiza--, o presidente do Goberno galego era Manuel Fraga e o conselleiro de Política Territorial era Alberto Núñez Feijóo.

Unha Xunta ''colaboracionista''
Mosquera fixo memoria: "o Proxecto Sectorial foi aprobado de maneira fraudulenta e cunha agresividade brutal contra o Goberno local. Asaltaron un pleno, pintáronnos as casas aos e ás concelleiras...". Mais o Concello de Pontevedra "conseguiu que Ence non se consolidara" e recorreu á vía xudicial. O TSXG --Tribunal Superior de Xustiza de Galiza-- deulle a razón á multinacional e o Goberno local, "aínda que somos nacionalistas", presentou un recurso ante o Tribunal Supremo cuxa sentenza vén de coñecerse agora.

"Mándalle unha viaxe mortal á Xunta, a Ence e ao TSXG", valorou o tamén deputado provincial polo BNG. Pola execución dese fallo preguntou nesta quinta feira Carme da Silva no Parlamento. E segundo considerou, a "non resposta" de Hernández vén a significar que o PP "non está realmente comprometido con que Ence desapareza da ría". Nesa liña, a nacionalista denunciou "a tibieza e ambigüidade" coa que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, fala dunha posíbel modificación da Lei de Costas que sería "colaboracionista" coa multinacional, para que poida perpetuar a ubicación na cidade do Lérez.

"Semella que vostede prefire erixirse en defensor dos intereses da empresa, e non dos e das veciñas", espetoulle Da Silva ao titular de Medio Ambiente no Goberno galego, quen se limitou a repetir que Ence vai cumprir a lei. A César Mosquera non o sorprendeu a reacción de Hernández: "hai uns cinco meses xa defendeu o Proxecto Sectorial ante o Supremo dunha maneira bastante fóra de lugar. Ence dixo que quería quedar aí e... ás súas ordes!"

''Nunca se viu ningún detalle contra Ence no DOG''
Alén desa defensa perante a Xustiza española e tendo en conta que, como lembrou o BNG, "non é a primeira vez que se modifica a lexislación ad hoc para os intereses" da multinacional. A deputada da formación frontista pediu a publicación no DOG --Diario Oficial de Galiza-- da orde da Xunta para executar a sentenza do Supremo, unha demanda que chegou tamén desde a Asociación pola Defensa da Ría.

Así, a organización ecoloxista exixiu á Xunta que anule os permisos administrativos e ambientais logo de dúas decisións xudiciais. Para a APDR, o Tribunal Supremo contestou en dúas resolucións separadas a un recurso presentado por este colectivo e a outro do Concello de Pontevedra contra a decisión do TSXG de avalar un plan que estabelecía o carácter supramunicipal desas instalacións.

Diante da situación, o concelleiro pontevedrés sentenza: "Tod@s somos moi ecoloxistas, mais até o de agora non se viu ningún detalle no DOG, que é onde teñen que verse, non na prensa untada, que dese a entender que se están a fechar as vías para que Ence fique na ría. Nin con Pachi Vázquez nin con Feijóo".