A Xunta esquece os parques naturais

Monte Pindo
Pasaron dez anos desde a última declaración de Parque Natural no noso territorio. O último foi o da Serra da Enciña da Lastra. Espazos como o Monte Pindo agardan a súa quenda.

 

Galiza vende verde, natureza, paisaxe, ou cando menos iso é o que dá a entender a Xunta cando realiza campañas publicitarias cara ao turismo. A realidade é ben diferente: o noso país leva unha década sen sumar hectáreas de parque natural ás xa existentes con anterioridade. O último inaugurouse en 2002. Daquela o DOG informaba que o conselleiro de Medio Ambiente, José Carlos del Álamo Jiménez, estabelecía un réxime xurídico especial para o espazo denominado Serra da Enciña da Lastra, mediante a súa declaración como parque natural.

Ramón Noceda: "Na Rede Natura os veciños non poden decidir nin opinar sobre o que se pode facer ou non nos espazos naturais"

O Monte Pindo agarda
O concello de Carnota é o segundo na nosa costa con máis superficie protexida. A Xunta leva promocionando nos últimos anos máis a figura da Rede Natura 2000, desprestixiada polas actuacións realizadas nos últimos anos, que a do propio Parque Natural solicitada na zona pola asociación "Monte Pindo Parque Natural".  Algunhas das razóns dese desprestixio son as que denuncia a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) que asegurou non hai moito que o Plano Director da Rede Natura 2000 "pretende, tras o verniz dunha falsa protección ambiental, "abrir o melón" da especulación nas 390.000 hectáreas que ten, a máis cativa en porcentaxe do estado". Para esta organización ecoloxista "a Xunta abusa da discrecionalidade e das excepcións para permitir, por exemplo, construír piscifatorías, incineradoras, autoestradas, concentracións parcelarias e aumentar a edificabilidade nun 50% nas zonas de protección".

"Na Rede Natura os veciños non poden decidir nin opinar sobre o que se pode facer ou non nos espazos naturais". Esta afirmación é de Ramón Noceda, alcalde de Carnota. Ten claro que, no caso do seu municipio, "non suporá máis restriccións para os veciños senón ao contrario: permitirá consensuar entre todos os sectores os usos que debe ou non debe ter o Monte Pindo". 

O exemplo do Xurés-Gerês
Un exemplo de parque Natural que responde ás espectativas naturais e de convivencia c@s habitantes atopámolo no Parque Natural do Xurés. En convivencia co parque Nacional de Peneda-Gerês conseguiu en 2009 ser declarado nova Reserva da Biosfera pola Unesco. Sitúase a cabalo de seis concellos ourensáns (Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños) e cinco lusos (Arcos de Valdevez, Melgaço, Montalegre, Ponte da Barca e Terra de Bouro).

Aínda que a parte portuguesa ten unha maior protección e abrangue máis territorio, das 259.496 hectáreas a parte galega dispón de 62.916 hectáreas protexidas e a portuguesa 205.580 hectáreas, para este organismo internacional representan como se pode conciliar a conservación da natureza e o desenvolvemento económico.