EDUCACIÓN

A Xunta entrega 5 escolas infantís a dúas empresas, unha do Opus e outra de Madrid

Imaxe de arquivo: escolasinfantis.net
Fesan e Propolp reparten a xestión privada dos centros Pontevedra-Monte Porreiro, O Pino, Coristanco, Carballo-A Baña e Betanzos. Desde a CIG atribúen a ''liquidación'' destes centros, antes Galescolas, co modelo educativo en galego e insertado na realidade do país que desde elas se promovía

A Fundación de Estudos e Análises --Fesan--, unha empresa vinculada ao Opus Dei, e Promoción de la Formación Las Palmas --Profolp--, con sede en Madrid, acapararon todos os pedazos do pastel repartido polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que formalizou esta semana a xestión privada de cinco centros integrados na Rede Galega de Escolas Infantís. Trátase da atención educativa que se presta en Pontevedra-Monte Porreiro, O Pino e Coristanco --Fesan--, ademais de Carballo-A Baña e Betanzos --Profolp--.

A adxudicación dos centros, publicada no Diario Oficial de Galiza --DOG--, fora adiantada xa pola CIG. En concreto, o sindicato nacionalista denunciou a campaña de "austeridade hipócrita" emprendida polo Goberno galego, que se traduce no desmantelamento dos servizos públicos "bombardeando con que non hai cartos" para proceder ao desvío de fondos "para a formalización de novos contratos para a xestión privada coas empresas de sempre".

Nesta liña, o responsábel nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, atribuíu a "liquidación" das Galescolas, creadas durante o Goberno bipartito, á identificación destes centros cun modelo educativo galego e adaptado á realidade do país desde un punto de vista social e cultural. O ensino entre o 0 e os 3 anos é "un servizo público esencial", e o seu desmantelamento, unido á paralización na construción de novas escolas de Infantil, traducirase en que serán as mulleres as que teñan que renunciar ao traballo fóra da casa para volver asumir o coidado das súas fillas e fillos.

Por iso, a CIG denuncia "o asalto a esta importante bolsa de negocio para as empresas privadas" que son os servizos públicos, e exixen a posta en funcionamento dunha comisión de control sobre a súa externalización por parte da Xunta de Galiza.