A Xunta eliminará 199 postos de Educación Infantil e Primaria

A CIG-Ensino denuncia que centros enteiros non abrirán o curso vindeiro. Os que queden chegarán a ter até 20 alumn@s por aula.

O goberno de Feijóo decidiu publicar no mes de agosto os recortes que realizará para o curso 2012-2013 en Educación Infantil, Primaria e Educación Especial. O mesmo día en que aseguraba aos medios de comunicación que a situación de Galiza non era a doutras zonas do Estado español e que a súa política económica era a ideal para non caer no rescate, o DOG  publicaba a Orde do 20 de xullo de 2012 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos de educación infantil, primaria e educación especial.

As ratios de alumnado poderán chegar até 20 alumn@s por aula

Supresión de 132 unidades
A CIG-Ensino xa denunciara hai uns días a supresión de profesorado en Secundaria. Agora informa de que a Consellaría de Educación agravou aínda máis a situación ao suprimir 132 unidades e 199 postos de traballo en educación infantil, primaria e educación especial.
Como resultado deste brutal recorte modificarán as ratios máximas de alumnado por aula e obrigarán a realizar agrupamentos de alumnado de diferentes idades até 20 alumn@s por aula, como xa denunciara o sindicato nacionalista en xuño pasado. Agora son 113 as unidades que van escolarizar alumnado de diferentes idades por mor deses agrupamentos.

Feijóo seguirá co apoio ao ensino privado
Desde a CIG-Ensino tamén denuncian que os recortes só afectan ao ensino público e o ensino privado, en boa parte en mans da Igrexa, continuará coas axudas. "Mantenlles os concertos aos centros privados, entre eles centros que segregan o alumnado por sexo e son vinculados ao Opus Dei", asegurou Anxo Louzao, Secretario nacional da CIG-Ensino. Para o lider sindical "esta é a política do actual goberno: o deterioro e a privatización dos servizos públicos esenciais”.

              Unidades suprimidas         Postos de traballo suprimidos

A Coruña            26                                           37

Lugo                   40                                          54

Ourense              38                                          68

Pontevedra          28                                          40

Galiza                132                                        199

Fonte: CIG-Ensino.