A Xunta di que os test enviados polo Goberno español non valen para "diagnosticar" a COVID-19

Test da COVID-19 practiacado a un cidadán (Foto: Nós Diario).

Profesionais que forman parte da comisión da Xunta para a xestión da crise sanitaria do coronavirus conclúen que os novos test rápidos enviados polo Ministerio de Sanidade a Galicia "non son, en sentido estrito, un test de diagnóstico", senón que "apoian" outras metodoloxías.

Profesionais que forman parte da comisión da Xunta para a xestión da crise sanitaria do coronavirus conclúen que os novos test rápidos enviados polo Ministerio de Sanidade a Galicia "non son, en sentido estrito, un test de diagnóstico", senón que "apoian" outras metodoloxías.

Así o explica o catedrático e xefe de servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), Benito Regueiro, quen asegura que estas probas "serven só para valorar se a persoa tivo contacto co virus, e sempre que sexa alguén que non teña unha  inmunosupresión de base".

En concreto, o Goberno central reparte entre este venres e este sábado outro millón de test rápidos para a detección do  COVID-19 ás autonomías, tal e como anunciou o ministro de Sanidade, Salvador  Illa, tras o Consello de Ministros.

Así, o comité clínico da Xunta afirma que a utilidade destas probas é "tan só complementaria" doutras como os  PCR, que "xa está a realizar" o  Servizo Galego de Saúde (Sergas).

En palabras de Regueiro, o tipo de test enviados "detecta anticorpos totais, co cal a súa aplicación clínica é detectar se as persoas tiveron nalgunha ocasión contacto co virus". "Non é, en sentido estrito, un test diagnóstico do virus", insistiu.

A pasado cuarta feira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa se queixara de que os 58.000 test rápidos que enviara o Ministerio de Sanidade días atrás "non valen para facer un diagnóstico fiábel" e, en consecuencia, non se podían utilizar como proba única, polo que na Galiza serían "complementados" con  PCR.

Con todo, o ministro de Sanidade, Salvador  Illa, defendeu no Congreso a utilidade destes test para "ampliar a capacidade  diagnóstica" e "cribar" os casos en colectivos de alta prevalencia da  COVID-19, como hospitais e residencias, "dunha forma rápida e segura", e subliñou que a súa fiabilidade é "plena" nos casos que dan positivo.