A Xunta di que si a un parque eólico nun monte con 93 xacementos arqueolóxicos en Teo

Parque eólico de Cabo Vilán. Imaxe: Adega
O Concello continua coa campaña informativa polos lugares afectados. Expropiaranse 799 leiras, e o pobo recibirá ao redor do 1,4% dos beneficios. Ninguén falou aínda de crear emprego e o espazo está protexido pola Rede Natura

O Monte Piquiño, con até 93 xacementos arqueolóxicos sinalados e a probabilidade de que aparezan outros novos se se acometen movementos de terras recoñecida pola propia empresa, é o lugar escollido para a instalación dun parque eólico nas parroquias de Luou, Lampai e Rarís, en Teo, e que tocará tamén a de Cruces, en Padrón. Os Gobernos locais dos dous concellos mostraron o seu descontento á aprobación do proxecto por parte da Consellería de Economía, se ben as motivacións son diferentes.

Mentres desde Padrón --PP-- o Concello reclama un cuarto muíño dentro dos lindes do municipio, a maiores dos tres que lle asigna a empresa, desde Teo --Encontro Irmandiño-- o propio rexedor, Martiño Noriega, emprendeu unha campaña parroquia a parroquia polos lugares afectados para informar á veciñanza das motivacións que o levan a rexeitar este proxecto e a presentar un informe negativo ante a solicitude de autorización administrativa, que pasan fundamentalmente pola agresión que a construción do parque suporía para a riqueza natural e arqueolóxica da zona afectada.

Para o pobo, as migallas
Así as cousas, a empresa adxudicataria do proxecto é Beltaine Monte Piquiño, unha sociedade enerxética que se integra no grupo conserveiro Jealsa-Rianxeira e que preside o ex alcalde de Boiro, Jesús Alonso. Nunha reunión mantida nestes días entre Noriega, o titular de Urbanismo, Rafael Sisto, e até 300 veciñ@s da parroquia de Rarís, o concelleiro foi directo ao gran e botou por terra o repetido argumento da creación de emprego e a rendabilidade económica que rodean as actuacións deste tipo.

Citando como fonte un estudo do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, Sisto explicou que @s propietari@s das terras expropiadas reciben unicamente o 1,4%, as migallas do montante total dos beneficios que embolsa a empresa. A creación de emprego, que fica aínda sen determinar, depende dos megawatts, que neste caso son 27.

Alén da investigación emprendida por técnic@s do Concello para concluír que existen petroglifos na zona que non foron contemplados no Informe de Impacto ambiental, na xuntanza de Rarís tamén se falou dos erros do catastro, xa que as cartas enviadas desde a Xunta non corresponden sempre coa persoa titular da terra. A concentración parcelaria non chegou aínda a esta zona de Teo, onde, porén, apareceron algúns dos xacementos arqueolóxicos máis singulares da Galiza e que non foron contemplados no proxecto.

Un espazo en Rede Natura
En maio do 2008 o veciño José Barral comunicou ao Concello o achádego dunha nova estación rupestre situada no Outeiro do Meau, na parroquia de Luou, un gravado a menos de 100 metros dun aeroxenerador. E na Guía dos Petroglifos editada ese mesmo ano polo proxecto Ollarte aparecen outras dúas estacións na zona afectada que non constan na memoria do parque eólico, os denominados 'Torre da Raíña' e 'Ollarte', no lugar de Loureiro. A afectación visual para o Camiño portugués de Santiago, declarada Patrimonio da Humanidade, figura tamén na listaxe de motivos polos que Teo non quere os muíños, que se erguerían a menos de quilómetro e medio de distancia da ruta de peregrinación.

No Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicouse o número de leiras a expropiar: 799. Os aeroxeneradores estarán, segundo os cálculos do Concello, a 200 metros da casa máis próxima. A asociación ecoloxista Adega mostrou tamén a súa postura en contra, xa que as instalacións do parque sitúanse sobre teselas correspondentes a hábitats de interese europeo.

Tomando en consideración que tanto a presenza de hábitats prioritarios como de interese europeo constitúe un dos requisitos para a súa integración na Rede Natura 2000, e tendo en conta que a lei eólica 8/2009 establece como zonas de exclusión para o aproveitamento eólico os espazos da Rede Natura 2000 galega --independentemente da existenza ou non de hábitats prioritarios--, "non deberían autorizarse parques eólicos en zonas con presenza destas formacións", razoou Adega.