A Xunta deixa a atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres na man da Igrexa

O PP volve votar en contra de que se manteña en funcionamento o Centro de orientación familiar do Ventorrillo, na Coruña, deixando sen cubrir a única praza de xinecoloxía. Mentres organizacións católicas compoñen a guía de atención a mulleres grávidas da Secretaría xeral de Igualdade.


Red Madre, Congregación Hijas del Divino Siervo, Rebaño de María, Cáritas, Residencia de las Siervas de la Pasión, Betanía de Jesús el Nazareno ou Dignidad. Son algunhas das organizacións que integran a rede paralela de centros privados financiados con fondos públicos que está a impulsar a Xunta de Galiza para atender a saúde sexual e reprodutiva das mulleres namentres desmantela os Centros de orientación familiar (COF) ao non cubrir as xubilacións dos seus cadros de persoal, nomeadamente do servizo de xinecoloxía. 

É o que aconteceu co COF do Ventorrillo, na Coruña, cuxa praza de xinecoloxía quedará sen cubrir. Xa a conselleira de Sanidade se posicionara neste sentido no Parlamento e esta sexta feira o PP aproveitou unha proposición non de lei do BNG para votar en contra de que se manteña operativo o devandito COF, argumentando unha "reorganización". En total e tal e como adiantou Sermos Galiza en decembro de 2012, quedarían dúas prazas para atender máis de 152 mil mulleres.

"Din que o van reorganizar e van pechalo", respondeu a deputada nacionalista Carme Adán na súa quenda de réplica, após arremeter con dureza contra a xestión da saúde das mulleres "por parte da Igrexa porque é evidente a vinculación relixiosa" dos centros que aparecen na Guía de recursos, apoio e asistencia á muller embarazada, que publicou hai un mes a secretaría xeral de Igualdade. Preguntou Adán, malia non obter ningunha resposta a cambio, pola situación actual do Plan de antención integral á saúde das mulleres, e vaticinou que o acontecido no Ventorrillo se repetirá dentro de pouco nun COF de Ourense, onde está pronta a xubilación d@ xinecólog@. 

O BNG alertou da "dubidosa profesionalidade a respecto de cuestións sanitarias" dos máis de once centros que publicita e sostén con fondos públicos a Xunta, dedicándolles un espazo propio nunha guía onde a outra opción, a da interrupción voluntaria do embarazo (IVE), non se contempla. Cómpre lembrar que no espazo destinado á IVE na páxina web do Sergas aparece tamén unha ligazón que conecta ben coa Red Madre ben coas dúas leis redactadas por este colectivo e que o PP aprobou no Parlamento coa súa maioría absoluta: a de familia e a de atención á muller embarazada.