A Xunta de Galiza propón manter o prezo das primeiras matrículas e a suba das restantes

O executivo galego levará a proposta para os novos prezos públicos universitarios ao vindeiro Consello Galego de Universidades, que terá lugar o 2 de xullo.

Nunha xuntanza desenvolvida hoxe cos vicerreitores de economía das tres universidades galegas, a Secretaría Xeral de Universidades -inserida na Consellaría de Cultura e Educación, propuxo conxelar o prezo das primeiras matrículas universitarias para o curso 2012-2013, como solicitaban os reitores da UVigo, USC e UdC. Non obstante, a Xunta de Galiza mantería a suba das restantes, de maneira gradual e progresiva os vindeiros tres anos.

Ao mesmo tempo, as segundas matrículas e sucesivas, incrementaríanse de acordo co “límite inferior das forquitas estabelecidas no Decreto 14/2012”.Non obstante, a Secretaría Xeral propón, o establecemento dunha taxa para o alumnado que se examine das materias a extinguir e que xa non contan co dereito a docencia.

A organización estudantil Comités exixiu hoxe a retirada inmediata do Decreto 14/2012 -como xa fixeran na folga estudantil do pasado mes de maio; pois entenden, "fai pagar ao estudantado as consecuencias dunha crise que non provocou" e encamiña o ensino público cara a privatización. Segundo o responsábel nacional dos Comités, Daniel Candal, "as consecuencias sociais dunha suba destas características no prezo das matrículas universitarias, poden ser moi graves".