ECOLOXISMO

A Xunta contradí a información da etiqueta e di que o praguicida das fumigacións ''non é tóxico''

O secretario xeral de Montes esquiva as preguntas do BNG sobre a prohibición da Unión Europea e insiste en que non cómpre "ningunha autorización especial" porque é un produto legal. Está clasificado como ''irritante e perigoso para o medio ambiente''

Pese a que, a partir de agosto, a súa comercialización estará prohibida en toda a Unión Europea, e pese á propia etiqueta do produto, a Xunta insiste e asegura que o praguicida que será utilizado para as fumigacións aéreas dos eucaliptais --coñecido como Cascade-- "non é tóxico". Díxoo esta quinta feira o secretario xeral de Montes e Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, nunha comparecencia no Parlamento de Galiza.

Segundo os cálculos da plataforma Fumigacións non!, en todo o país podería haber ao redor de 100.000 hectáreas de eucaliptais afectados polo gorgullo, unha cuarta parte da superficie existente. Isto implicaría empregar unha disolución, como mínimo, duns 50.000 litros de Flufenoxuron en auga, e Fernández-Couto sostén que non é precisa "ningunha autorización especial" porque é legal, pese a estar clasificado na propia etiqueta como un produto "irritante e perigoso para o ambiente".

Alén disto, o secretario xeral de Montes eludiu responder ás preguntas da deputada do BNG, Tereixa Paz, sobre a prohibición da UE de comercializar este produto a partir de agosto, e de distribuílo a partir de decembro. Fernández-Couto limitouse a indicar que hai un problema de "caducidade" e subliñou que é "o único produto químico para o tratamento" desa praga que afecta ao eucalipto galego. Tamén apuntou que foi utilizado nos últimos anos para fumigar "máis de 12.000 hectáreas de carballos" nas provincias de Lugo Ourense.

Pola súa banda, a deputada do BNG precisou que o produto en cuestión, denominado Cascade, é da firma alemá Basf. Posteriormente leu a información toxicolóxica que pon na etiqueta e concluíu que a "prohibición expresa da UE" é debida a que é "altamente tóxico". Paz explicou que o praguicida "ten efectos negativos non só sobre o medio ambiente e a salubridade do ar e da auga, senón un importante impacto económico para algúns sectores", entre os que citou a apicultura.

Paz precisou que como consecuencia da fumigación de carballos na comarca de Monterrey con ese mesmo produto houbo nos últimos anos unha "desaparición" de aproximadamente o 70% das colmeas. Lembrou tamén a contestación social que as fumigacións previstas pola Xunta espertaron entre os sectores agrogandeiro, ecoloxista e sanitario, e reprochou da Xunta a prohibición da mobilización de Fumigacións non! en Melide nunha tentativa de "facer calar os que non están de acordo".