A Xunta asume como propios os argumentos da empresa mineira Edgewater no proxecto de Corcoesto

A declaración de impacto ambiental que a consellaría de Medio Ambiente vén de emitir é "un copia e cola" do plan presentado pola compañía canadense que deixa a protección do medio ambiente "á boa fe" de quen explotará a mina


Contra a declaración de impacto ambiental que a Xunta vén de conceder á empresa canadense Edgewater para que explote nos montes de Cabana de Bergantiños unha mina a ceo aberto que ocupará a superficie equivalente a 700 campos de fútbol pronunciáronse nesta terza tanto a asociación ecoloxista Adega como a plataforma veciñal en defensa de Corcoesto.

Ambos colectivos cadran ao se queixaren de que o PP asume como propios os argumentos presentados pola empresa no proxecto que lle entregaron, sendo a declaración de impacto --de aquí en diante DIA-- un "corta e cola" daquel documento en que as cuestións ecoloxistas fican relegadas "á boa fe" da empresa. Din que a consellaría de Medio Ambiente obviou as alegacións presentadas pola plataforma veciñal e por multitude de colectivos ecoloxistas, como Verdegaia ou a propia Adega, e non tomou en consideración tampouco que os terreos que queren para a explotación mineira ocupan espazo protexido.

Tampouco se lle prestou atención ao estudo do CSIC e a U-Vigo en relación a que a vella mina de Corcoesto duplicara xa os niveis de arsénico na auga do río Anllóns aínda usando un sistema de galerías subterráneas e sen empregar o cianuro para separar o ouro das rochas. A Xunta olla cara o outro lado tamén respecto deste informe, e respecto da resolución do Parlamento europeo con data do 5 de maio de 2010, en que se prohibe o uso do cianuro na actividade mineira nos territorios que fan parte da Unión Europea.

Con esta DIA positiva que o departamento que dirixe Agustín Hernández vén de redactar, a Xunta estima que é "compatíbel" esta actividade coa protección dos valores naturais e da saúde humana, aínda que todos os estudos se posicionan en contra do que Adega cualificou como "bomba ambiental" e a Sociedade galega de historia natural comparou con Aznalcóllar, cando a balsa propiedade da empresa mineira de capital suizo Boliden rachou e liberou o seu contido no parque natural de Doñana.

En Corcoesto, a balsa mineira de Edgewater situarase a 140 metros dun espazo natural protexido, o LIC do río Anllóns, e a empresa non terá que asinar seguro ningún de responsabilidade civil para responder polos danos que poida causar a explotación mineira. O estudo de impacto en que se valora o patrimonio socio-económico dos tres concellos afectados --Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco-- non chegou tampouco a se facer nunca.