A Xunta apela á ''liberdade'' e seguirá a financiar centros que segregan por sexos

O titular de Educación defende a liberdade das familias para escolleren, e subliña que o Superior galego resolveu até tres veces en contra dos recursos de CIG, CC.OO. e UGT nos que pedían rescindiren os concertos. Omitiu Vázquez que as sentenzas do TSXG foron recorridas perante o Supremo, instancia superior

"Eu creo na liberdade de elección por parte das familias e creo nun réxime democrático onde as familias participen nos modelos educativos dos seus fillos". Malia apuntar que o seu departamento "ten a obriga" de analizar a sentenza do Tribunal Supremo en que se prohiben as subvencións a dous centros que segregan o alumnado por sexos, o titular de Educación na Xunta de Galiza, Jesús Vázquez, foi taxativo á hora de expresar a súa postura respecto da posibilidade de, ollando cara a estes dous colexios de Andalucía e Cantabria, pór as barbas a remollo e pechar a billa do financiamento público aos cinco centros que no país tampouco permiten que nenas e nenos partillen aula.

Así as cousas, Monte Castelao, Las Acacias e Aloya en Vigo; e Montespiño e Peñarronda na Coruña son colexios segregacionistas e reciben, segundo os datos da federación de Ensino do sindicato CIG, ao redor de 3 millóns de euros por medio dos concertos da Xunta cos centros privados. Ao fío, a central nacionalista empraza a Xunta a rescindiren os concertos --ao igual que fixeron BNG e PSOE-- e confía en que o Supremo se manifeste no mesmo sentido a respecto do recurso que presentou, argumentando como o está a facer neste caso, a incompatibilidade da Lei Orgánica de Educación que impide a discriminación por razóns de sexo coas subvencións con cartos públicos.

En declaracións a un programa de radio, Jesús Vázquez evitou das cifras a respecto do aforro que suporía para a consellaría a cancelación dos concertos cos cinco centros. Mais recalcou que o Tribunal superior de xustiza de Galiza avalou en até tres ocasións as axudas públicas que van parar a estes colexios, resolvendo contra outros tantos recursos presentados polos sindicatos CIG, CC.OO., UGT. "O último aínda foi en febreiro deste ano", subliñou o titular de Educación, obviando que xustamente esas tres sentenzas foron recorridas perante o Supremo, que aínda non se pronunciou.