A Xunta amplía a alerta laranxa por temporal costeiro no Ortegal e o litoral de Lugo

Ondas na costa da Coruña nunha foto de arquivo. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Desde este mediodía permanece activa xa na Costa da Morte, nas Rías Baixas e o sur da costa de Pontevedra por vento forte e chuvia.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de ampliar a alerta laranxa por temporal costeiro ao noroeste da Coruña e a provincia de Lugo.

Cómpre lembrar que a alerta estaba xa activada a partir do mediodía de hoxe na Costa da Morte, as Rías Baixas e todo o sur da costa de Pontevedra, onde se prevén ventos do sur de forza oito e mar combinada con ondas de até cinco metros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a ampliación do fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa no noroeste da provincia da Coruña comezará nas últimas horas de hoxe con vento do sur ou suroeste de forza oito, ocasionalmente nove entre Ortegal e Bares, e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de até seis metros, e temporalmente de até sete metros entre Vilán e Sisargas.

Pola súa banda, no litoral de Lugo a alerta activarase a primeiras horas de mañá domingo con vento do suroeste forza oito ao oeste de Burela e mar combinada do oeste até seis metros en Bares e alta mar.

Medidas de seguridade

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, de diques, rompentes e paseos marítimos.

Recomenda, ademais, que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

A páxina web do CIAE 112 [www.112galicia.org], conta con información meteorolóxica actualizada e con enlaces de interese.