A Xunta ábrelle as portas ás universidades privadas

Os Comités denuncian que o novo proxecto de Lei do Sistema Universitario Galego, aprobado no último Consello da Xunta, deixa o camiño aberto á implantación de universidades privadas.

Entre os puntos que a Xunta considera máis destacados do proxecto de lei que vén de aprobar en Consello está a creación e o recoñecemento de novas universidades e centros no Sistema Universitario Galego, tanto públicas como privadas. Estabelece como requisito que conten coas estruturas precisas para a impartición de oito títulos de carácter oficial e con validez no territorio nacional.

Malia a que, segundo a Xunta, o proxecto de Lei conta con amplo consenso por parte dos sectores implicados, máis dun terzo das suxestións que lles foron presentadas, segundo se extrae da información proporcionada polo propio goberno autonómico, non foron tidas en conta. Os Comités fixeron xa público o seu rexeitamento ao texto, ao que acusaron de estar redactado ás costas da comunidade unidade universitaria. No texto actual seguen vixentes, segundo sinalan, as mesmas eivas que xa en febreiro deste ano detectaran no anteproxecto, e que no seu momento lles trasladaron ás equipas reitorais.

A futura lei estabelece os principios de eficacia e eficiencia no gasto para a organización e actividade das universidades. Para os Comités, o proxecto é un ataque ao carácter público da universidade. A organización estudantil denuncia a falta de recoñecemento do galego como lingua oficial, critica que non haxa ningunha medida para evitar as duplicidades actuais do sistema e que se estea a primar a concorrencia entre universidades.