A UVigo estudará a retirada do Honoris Causa ao ex presidente de Caixanova

A organización estudantil Comités reclama que non se lle outorgue tal recoñecemento a Julio Fernández Gayoso. En outubro exixiron a retirada do mesmo título na Universidade da Coruña para José Luís Méndez, ex-director de Caixa Galicia


O Consello de goberno da Universidade de Vigo aceptou "iniciar as consultas correspondentes" na liña de lle retirar o título de Doutor honoris causa ao ex-presidente de Caixanova e Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso.

Así respondeu o reitor vigués, Salustiano Mato, a unha petición realizada por Rocío Barreiro, representante da organización estudantil Comités. Sería esta a segunda distinción que estudan quitarlle, após a Medalla de Ouro da Cidade imposta en 1997 e cuxa retirada foi reclamada polas persoas estafas no calote das preferentes, que será levada ao pleno de Vigo na vindeira segunda feira a través dunha moción que defenderá o BNG.

Entenden @s nacionalistas que "a mala xestión da entidade, a comercialización de produtos financeiros complexos e a súa conduta á fronte da entidade bancaria, co cobro dun plan de pensións cando a entidade que dirixía recibía inxentes axudas públicas" son argumentos dabondo para presentar tal petición perante o pleno da cidade olívica.

En outubro de 2012, os Comités reclamaron tamén a retirada do honoris causa que a Universidade da Coruña quería concederlle ao ex-director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, ao consideralo "un dos principais responsábeis da crise do sector financeiro galego". O recoñecemento fóralle outorgado dez anos antes, en 2002, e desde os Comités consideran que "á vista do acontecido, fica claro que esta persoa representa absolutamente o contrario do que supón este recoñecemento" ao considerar que fixo parte de prácticas "especulativas e sen ningún tipo de transparencia".