A USC nega "neglixencia ningunha" na convocatoria de contratos predoutorais

Facultade de Medicina da USC.
"Utilizamos un baremo diferente do das convocatorias estatais, mais é igual de lícito e buscaba ponderar entre titulacións diferentes buscando resultados xustos", sinalan desde a universidade a 'Nós Diario'.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) negou esta segunda feira, en declaracións a Nós Diario, que exista "neglixencia ningunha" na convocatoria de 22 contratos predoutorais, tal e como denunciou esta mañá a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC).

A AIC subliñaba que, "por un erro de cálculo, ponderáronse de maneira incorrecta as medias das solicitantes", penalizando así o "bo expediente dalgunhas candidaturas".

Porén, o xerente da USC, Xabier Ferreira, asegura que o baremo de ponderación utilizado simplemente era diferente, "mais igual de lícito", que o que se utiliza nas convocatorias estatais, xa que esta, salienta, "é a primeira que se fai con fondos propios e non do Estado".

"O obxectivo era facilitar a contratación en áreas nas que habitualmente temos unha maior dificultade para captar xente, como Odontoloxía, onde case non temos persoas catedráticas. Valoramos dous criterios: a área na que se quería unha aspirante especializar e o expediente académico", explica.

O baremo utilizado pola USC buscaba "ponderar entre titulacións diferentes" para obter unha nota media que, sinala, "apenas variou en escasas décimas". "Das 22 persoas seleccionadas, coincidían 17 que tamén terían obtido a maior puntuación co outro baremo, polo que realmente estase a falar de cinco casos concretos. E xa lles trasladamos que tiñan todo o dereito de presentar un recurso se non estaban de acordo".

"Non se produciu ningún erro matemático no cálculo, os resultados son correctos e seguen ese baremo, que é igual de lícito. O persoal técnico avaliouno, fixo as ponderacións e deu os resultados", insiste.

A AIC facía fincapé, aliás, no "silencio" que recibiron cando intentaron reunirse coa reitoría para abordar este asunto e exixir unha "solución" para "emendar" o problema. Porén, Ferreira replica: "Non hai criterio político ningún nesta convocatoria, nós reunímonos cos sindicatos e non nos dixeron nada sobre esta cuestión".