A Universidade de Vigo desminte á empresa e négalle o apoio á mina de Corcoesto

Pancarta contra a mina [Salvemos Cabana]

Nun comunicado desminte a información transmitida pola empresa canadense Edgewater ao redor dun convenio asinado coa institución pública cuxo obxectivo sería "contribuír a converter a futura mina de Corcoesto nun referente ambiental"


A Universidade de Vigo rachará o convenio marco asinado coa empresa canadense Edgewater se esta "utiliza a súa sinatura para xustificar a explotación mineira" a ceo aberto que proxecta nos concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco.

Así llo vén de comunicar a institución pública á Plataforma pola defensa de Corcoesto despois de que esta pedise explicacións sobre o acordo filtrado á imprensa como se dun respaldo institucional explícito da UVigo se tratase.

Así foi reproducida esa información na imprensa a mediados de febreiro, destacando a "colaboración" que o reitor, Salustiano Mato, viña de comprometer co xerente de Mineira de Corcoesto, Lluís Boixet e o obxectivo do acordo asinado: "realizar proxectos e accións conxuntas a prol do desenvolvemento científico e tecnolóxico en relación co proxecto de extracción de ouro". Porén, a UVigo nega tal apoio institucional e aclara que a empresa contratou a redacción dun informe para avanzar nas medidas protectoras e correctoras establecidas na Declaración de Impacto Ambiental, recentemente aprobada pola Xunta.

A xuízo da Plataforma contra a mina de Corcoesto, este comunicado realizado pola universidade viguesa pón de manifesto "a estratexia de manipulación informativa" en que enmarcan tamén o convenio asinado nos mesmos termos coa Universidade da Coruña. Di o colectivo veciñal que a intención da empresa é "vender" a idea de que o proxecto mineiro conta co aval da comunidade universitaria e investigadora. Segundo se publicou na imprensa no momento de selar o acordo coa UVigo, "a iniciativa enmárcase no obxectivo de Mineira de Corcoesto de implicar no proxecto mineiro institucións e colectivos que poidan contribuír a converter a futura mina de Corcoesto nun referente, especialmente no eido ambiental".