TVG informa de que o BNG "anda en tratos con Herri Batasuna", coalición que non existe desde 2001

A televisión nacional foi máis aló da pregunta de Feijóo no Parlamento sobre se cando "o nacionalismo galego" convidada esta formación da esquerda abertzale ao Día da Patria "sabía ou non da súa relación co terrorismo" e dá como actual unha relación entre o Bloque e HB, refundada hai doce anos en Batasuna e autodisolta en xaneiro deste ano


"Feijóo non acepta leccións morais do BNG porque anda en tratos con Herri Batasuna". Así arrincou o Telexornal Serán que a TVG emitiu a cuarta feira, 10 de abril, cadrando coa comparecencia de Núñez Feijóo no Parlamento galego para explicar as fotografías na embarcación do narcotraficante Marcial Dorado. Pois ben, nin o presidente da Xunta dixo iso nin Herri Batasuna existe hoxe.

Tal e como se pode ouvir no corte emitido inmediatamente despois da entrada da xornalista, Feijóo preguntou "ao nacionalismo galego" se "cando convidaba Herri Batasuna ao Día da Patria coñecía ou non coñecía a súa relación co terrorismo". Que se consegue traendo Herri Batasuna á actualidade e relacionándoa co BNG nos termos en que o fixo a televisión pública? Que quen vexa o telexornal pense en ETA e na etapa máis dura da organización armada, os anos 80. 

A manipulación foi denunciada no blog que @s traballador@s da propia TVG puxeron recentemente en funcionamento

E é que nin o BNG nin ningunha outra formación política podería "andar en tratos" con HB porque hai doce anos, en 2001, refundouse para dar lugar a un novo proxecto político, Batasuna. Marchou unha parte da militancia, a que acabou fundando Aralar. En 2003 o Tribunal Supremo ordenou a súa disolución por considerala "un instrumento de ETA". Porén, en Franza seguíu a ser un partido legal até que se disolveu por vontade propia en xaneiro deste ano para iniciar "unha nova fase política". A manipulación na información da TVG foi denunciada no blog que @s traballador@s puxeron recentemente en funcionamento.Eu non manipulo