A TVG gasta 375.000 euros ao ano en programas relixiosos

Reporteira no Vaticano [TVG]

Sobre o gasto na radio "non temos datos", di o director xeral de ambas canles públicas, Alfonso Sánchez Izquierdo. Tampouco fixo pública a cifra do gasto que supuxo desprazar unha equipa da televisión pública ao Vaticano para dar 7 horas de cobertura á escolla do novo papa


A televisión de Galiza inviste 375.000 euros en programación relixiosa "e da radio non temos datos concretos". Admitiuno esta terza feira no Parlamento galego o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, na comisión de control ao ente público.

A pregunta formuloulla o deputado de AGE Juan Fajardo e, contra o que é habitual nos últimos tempos na Cámara, Sánchez Izquierdo respondeu de maneira concreta. 

Por suposto, facilitou tamén as súas consideracións ao respecto da presenza da relixión na radio e na televisión nacionais, sinalando que as horas que se lle dedican (24h ao ano á retransmisión da misa ou 5h e media en 2012 a actos na Catedral de Santiago, por exemplo) "non están moi afastadas do que fan outras televisións públicas" europeas, como tampouco o está, segundo Sánchez Izquierdo, a partida orzamentaria reservada para esta temática, "ao redor do 0,3% do noso orzamento". 

Non di canto custou o desprazamento dunha equipa ao Vaticano

Na quenda de réplica, Fajardo xa anunciou que presentará unha pregunta por escrito para recibir os datos oficiais, pois os facilitados polo máximo responsábel da CRTVG "non cadran cos que nós manexamos". E seguiu preguntando.

Canto custou o envío dunha equipa da TVG ao Vaticano para retransmitir a escolla do novo papa? "Ese dato non o teño porque non pensei que mo fose preguntar", dixo Sánchez Izquierdo, quen recoñeceu que os informativos da televisión pública dedidaron a esa información 7 horas en total e comparou o desprazamento á Cidade do Vaticano co desprazamento dunha equipa propia para dar cobertura ás eleccións de Venezuela. 

Após considerar que nin un nin outro eran atinados en tempo de recortes de gasto, Juan Fajardo reprochou a liña editorial seguira para cubrir os comicios bolivarianos. "Cantas horas dedicaron ás intervencións desde Venezuela? En que liña? Para obviar o intento de golpe de Estado e os informes de expertos internacionais sobre transparencia?" Dixo o deputado de AGE que a información transladada desde a canle pública galega, malia estar desprazada no país, "foi a propia dunha canle privada con intereses en Venezuela".

72 horas ao ano de programación relixiosa

Valorou Sánchez Izquierdo que as emisións de programas relixiosos a través das canles públicas "é un comportamento axeitado tomando en conta a realidade sociolóxica" da Galiza e que en todo caso se mantén "o equilibrio entre o gasto e o rendemento" económico "e social" que deles se tira. As 72h que eses programas ocuparon en 2012 (tres días enteiros) debullounos por programas: A Sentinela (relixión católica) duraría en total 28 horas; Nacer de Novo (relixión evanxélica) durou 14 horas. Sumaríase a duración da misa e dos directos desde a Catedral de Santiago.

Para concluír, AGE quixouse de que Sánchez Izquierdo coloque o ente que dirixe ao servizo do ideario político do PP "como correa de transmisión dunha corrente política que ten maioría electoral mais non social" en referencia a que o PP recibiu só un de cada catro voltos.