A TVG destaca unha información en prol dos concertos con colexios sexistas

[Imaxe: CRTVG]

A admisión a trámite polo Constitucional dun recurso presentado contra a sentenza do Supremo que prohibe o financiamento público destes centros foi recollida por medios locais cántabros e andaluces, os territorios aos que se refire a resolución do Supremo. Tamén atopou cobertura na televisión pública da Galiza


O Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso presentado por unha familia de Cantabria contra a sentenza do Supremo en que sinala que os colexios que segregan por sexos "fixan excluídos da posibilidade de concertar coa Administración competente o seu mantemento con fondos públicos".

A información foi recollida unicamente por diarios cántabros e de Andalucía, pois foi a estes dous territorios aos que se referiron as resolucións da sala do Contencioso do Supremo. Porén, son por volta de 70 os colexios e institutos que no Estado segregan o alumnado por sexos e que reciben fondos públicos. Na Galiza hai cinco e están vinculados ao Opus Dei.

Cando se coñeceu a sentenza do Supremo a consellaría de Educación apelou á "liberdade de elección das familias" nun "réxime democrático" para facer ouvidos xordos da resolución que declara ilegais eses concertos e seguir a insuflar diñeiro público nestas escolas onde se practica unha educación sexista e que pertencen á Igrexa católica. Tamén foron anulados polo Tribunal superior de xustiza da Galiza.

Imaxes dun colexio de elite e só para homes

A TVG decidiu potenciar esta liña aberta en agosto de 2012 pola Xunta do PP e colocou no Telexornal Serán da segunda feira, día 13, unha información que dá conta da admisión a trámite do recurso, sinalando que o Constitucional determinará "se a retirada dos concertos vulnera o dereito das nais e pais a elixir a educación dos seus fillos". Nas imaxes que acompañan a nova aparece un destes colexios, de homes e de elite, a xulgar polo uniforme que visten os alumnos: traxe con chaqueta e gravata ou lazo.  

O centro que denunciou perante o Constitucional, Torrevelo, en Cantabria, pertence a Fomento de Centros de Enseñanza. Con catro centros na Galiza finanzados pola Xunta (Las Acacias, Peñarredonda, Montespiño e Montecastelo) ofertan na súa páxina web "una educación de calidad, inspirada en una visión trascendente de la existencia humana y en el principio de dignidad de la persona característico del espíritu cristiano". Acrecentan que "la Prelatura del Opus Dei, a cuyos sacerdotes está confiada la atención espiritual, ayuda a mantener viva la identidad cristiana de los colegios".