A TVG adoutrina contra o aborto e vincúlao co asasinato

A televisión pública non ten espazo nos seus informativos para dar conta dos protestos das mulleres galegas en prol dos seus dereitos. Porén, a nova que máis tempo ocupou no telexornal do día 16 foi o xuízo contra un médico abortista que tería matado sete naipelos nos EUA. A nova foi tirada da imprensa ultrarrelixiosa


Malia que ningunha das mobilizacións que as mulleres levan feito na Galiza en defensa dos seus dereitos, nomeadamente en proldo aborto, atopar acubillo nunha CRTVG dirixida polo PP, non é porque o tema non interese á televisión pública. 

Nesta semana, o informativo fíxose eco dunha noticia acontecida nos EUA: o xuízo polo "caso arrepiante" dun médico que practicaba abortos a mulleres que non desexaban ser nais e cuxa gravidez pasaba dos seis meses.

Acúsano de sete delitos de asasinato por matar sete naipelos e unha nai por sobredose de medicamentos. A TVG fala de "horror dos abortos tardíos" e non dubida en colocar as imaxes de naipelos "aos que lles metía unha tesoira polo pescozo para lles cortar a médula espiñal".

Seguindo a axenda da Conferencia episcopal

A información, cun posicionamento claro en contra dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres eque demoniza a práctica da interrupción voluntaria da gravidez ao relacionala directamente co asasinato, foi proposta por un redactor xefe que procura as novas en páxinas web de colectivos ultracatólicos, segundo denuncia o blogue Eu non manipulo, redactado por traballador@s da televisión pública. En efecto, da mesma noticia fixéronse eco Libertad Digital e Forum Libertas. 

Ao non aparecer ningunha referencia nese día a esta información nas axencias de noticias internacionais pódese concluír que, efectivamente, foi elaborada a partir do publicado polos xornais sinalados e por portais vinculados á Igrexa católica.

Esta noticia foi a que máis tempo ocupou no telexornal da canle pública, 1 minuto e 35 segundos. Emitiuse ao día seguinte de que Rouco Varela e a Conferencia episcopal reclamasen ao Goberno español a penalización do aborto.