Concentración en Compostela en solidariedade co pobo palestino fronte aos bombardeos de Israel

Perante os bombardeos israelís destas últimas horas na Faixa de Gaza, o BNG convocou unha concentración en Compostela en denuncia polos acontecementos. A Confederación Intersindical Galega tamén se sumou á convocatoria e estivo presente na Praza do Toural.

 

A choiva que cae estas últimas horas en Compostela non foi quen de desanimar a asistencia á concentración convocada polo BNG, á que se sumou tamén a CIG, en solidariedade co pobo palestino. Un cento de persoas quixeron mostrar a súa solidariedade após as graves novas que chegan desde esa zona. Rubén Cela, portavoz local nacionalista, sinalou ao remate que "hai poucas inxustizas no planeta comparábeis á atrocidade que esta pasando todos os días nos auténticos campos de exterminio que son os campos da Faixa de Gaza". A convocatoria nacionalista foi, para Cela, unha proba máis "de apoio e solidariedade para coa causa palestina e ademais da nosa denuncia do imperialismo e a impunidade coa que asasinan os israelís en Palestina. 

Un cento de persoas quixeron mostrar a súa solidariedade após as graves novas que chegan desde Gaza

O Presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, tomou a palabra na concentración e agradeceu a solidariedade do pobo galego para co seu pobo. "Os ataques non son algo novo que veña por unha provocación de Hamas, obedecen a unha estratexia de hai moito tempo que cada vez que hai eleccións en Israel hai matanzas de palestinos, é unha carreira para ver quen mata máis palestinos en Gaza ou ameazando a Csjordania", asegurou ao remate do acto na Praza do Toural.

Para este palestino que vive desde hai anos en Compostela "a comunidade internacional avalou un calendario para que Palestina fose libre, nós construímos e Israel destrúe para que logo teñan que pagar a reconstrución con cartos de Europa e do resto do mundo". Segundo o Presidente da Fundación Araguaney "as grandes fortunas do mundo son israelís e determinan a política de Europa, polo que este continente queda moi mal parada na actual situación".