A Roda, un henge en Galiza

Foi a primeira estrutura henge localizada na península ibérica. Á volta de 2006, coincidindo coas obras de desmonte da autovía do Cantábrico ao seu paso polo concello de Barreiros, foi localizado no lugar da Roda, na parroquia de San Miguel de Reinante, unha formación lítica, semellante ás existentes nas Illas Británicas. Até daquelas pensábase que o xacemento da Roda era un castro, aparecendo así catalogado polos responsábeis de patrimonio da Xunta de Galiza, porén os restos atopados respondían a esta estrutura tan característica da cultura atlántica. Os henge son unha construción de forma circular ou ovalada, por definición de unha área de máis de 20 metros de diámetro, consistentes nunha escavación  limitada por unha ribazo e edificados  no neolítico.

 

A Roda é unha formación arquitectónica con duns cincuenta metros de diámetro limitada por un foxo de entre tres e catro metros de diámetro e un de profundidade, cun  círculo está formado por dous muros, entre os que se depositou a terra do foxo, formando así o parapeto que no seu punto máis alto acada os tres metros.  Consérvase a zona de entrada, de entre metro e medio e dous metros orientada cada o noroeste e  xunto dela hai unha pedra que, segundo algúns estudosos como Xavier Moure, podería ser unha das pedrafitas que delimitaban o acceso. Os arqueólogos que traballaron no xacemento coinciden en sinalar  en que a formación nunca estivo poboada, confirmando que no seu interior non hai resto de materiais ou vivendas, sendo datado a súa construción, unha vez sometido ás probas do carbono catorce, arredor do 3.700 antes de Cristo.

 

O xacemento pódese considerar como excepcional  ao tratarse da primeira formación destas características atopada no espazo peninsular, abrindo novas preguntas sobre  a Galiza do período e tamén das súas relacións de Galiza coas Illas Británicas. Á vista de posteriores estudos pero tamén dos traballos realizados polos nosos clásicos como Manuel Murguía, Benito Vicceto, Xosé Villamil y Castro ou Federico Maciñeira semellan que estas construcións foron máis comúns no noso país do que até agora pensabamos. Sen ir máis lonxe en 2011 dábase conta da aparición dunha formación lítica na parroquia de Coeses en Lugo duns sesenta metros de diámetro, formado por uns  muros interiores e exteriores, arrodeado por un foxo,  e ademais, con fosas tamén no interior da area tumular onde se atoparon restos cerámicos. Outro tanto aconteceu en datas máis recentes, concretamente, en San Bartolomeu de Xove, onde coincidindo coas obras do corredor San Cibrao Ferrol foi atopado un formación similar as anteriores.

 

Esta por determinar as funcións desta edificación. A día de hoxe os arqueólogos non se teñen posto de acordo sobre o papel dos henge, se ben unha maioría oriéntanse por pensar no seu carácter relixioso ou social. Para o caso da Roda, as explicacións son diversas, pero as opinión máis xeneralizadas decátanse por caracterizalo como un posíbel lugar de encontro da poboación, respondendo a súa  situación á astronomía antiga e mesmo para determinar os ciclos dos cultivos. Á falla dunha explicación sobre o significado da Roda, o xacemento enfrontase ao abandono e falla de atención por parte das administracións públicas, a comezar polo goberno galego que anunciou un plan de mantemento e conservación á volta de 2009 do que non hai novas, e do propio Concello de Barreiros, que mesmo tolerou a utilización do espazo como lugar onde gardar no período de inverno embarcacións de recreo.