A reforma da LOE, máis centralismo e menos calidade no ensino


O ministro de educación, Ignacio Wert, presentou o anteproxecto de lei para a reforma da Lei Orgánica do Ensino (LOE). As organizacións estudantís din que supón unha “agresión ao carácter público do ensino e a súa calidade”.

A Lei Orgánica para a Mellora da Calidade do Ensino (LOMCE), fíxose pública na pasada cuarta tras ser presentado un primeiro informe perante o Consello de Ministr@s. As organizacións estudantís, veñen de amosar o seu máis tallante rexeitamento á proposta.

Redución da oferta educativa e (re)implantación das reválidas
O anteproxecto de lei presentado polo goberno español, achega entre as súas principais propostas: a canalización dun maior número de alumn@s cara a Formación Profesional (FP) para o que adiantarán a escolla dos itinerarios aos 14 e 15 anos; redución das variedades e vías de bacharelato; implantación da FP dual –aquela que combina aprendizaxe e traballo de acordo co modelo alemán no que as empresas teñen unha participación superior ao 33% na formación do alumnado, e implantación das revalidas na primaria, ESO e bacharelato cuxo contido virá determinado na súa maioría polo goberno español. Segundo o anteproxecto presentado polo ministro de educación, @s alumn@s terán que superar unha proba de nivel ao finalizar o ensino primario, a ESO e o bacharelato, sen a cal non poderán pasar de curso nin obter o título.

Así mesmo, a proposta incorpora unha maior concentración das “materias instrumentais” --matemáticas, ciencias e comprensión lectora. Isto suporá unha outra formulación do propio ensino obrigatorio (ESO), polo que se reducirán o número de itinerarios a dous; iniciación á FP ou iniciación ao bacharelato.

O anteproxecto inclúe tamén medidas encamiñadas a “incrementar a autonomía dos centros docentes”. Salienta a separación de funcións entre a equipa directiva –que adoptará as decisións; e o consello escolar, que posuirá carácter consultivo, reducindo así a participación do alumnado e proxenitores na toma de decisións.

O estudantado rexeita o anteproxecto 

As organizacións estudantís fixeron pública no día de onte a súa frontal oposición ao anteproxecto presentado polo goberno español, pois considérano “unha agresión ao carácter público do ensino e a súa calidade”. Segundo os Comités “as únicas solucións propostas polo PP pasan por un maior centralismo, por unha menor calidade e por unha drástica redución da oferta educativa”, así mesmo apuntan dende a organización nacionalista, o anteproxecto tenta “retrotraer competencias, reducir a oferta educativa e eliminar itinerarios”.

Os Comités de ensino medio, anuncian un calendario de mobilizacións no mes de setembro, coincidindo co comezo de curso, nas que amosarán o rexeitamento do estudantado galego ás propostas do Partido Popular.