A reforma da lei do aborto exixirá ás mulleres "acreditar" prexuízos físicos ou psicolóxicos e suprime o suposto de discapacidade

O ministro de Xutiza español avanzou parte do contido da norma que repenalizará o aborto nun foro organizado polo xornal ultracatólico ABC. Será suprimido o suposto por discapacidade ou malformación. 

 

Alberto Ruíz Gallardón asegurou que a reforma da lei do aborto non tardará en ser presentada polo executivo español. Neste senso, avanzou nun foro organizado polo diario ultracatólico, ABC que a modificación suprimirá os "supostos" fixados pola norma de 1985 e pasará a rexerse por "indicacións" que deberán ser "acreditadas" polas mulleres que decidan interromper o seu embarazo. 

Segundo Gallardón "a vida non é unha concesión graciosa" polo que "non pode restarse protección" a un feto "como consecuencia dunha discapacidade"

Segundo o ministro de Xustiza, eliminarase o suposto de "aborto euxenéstico", aquel vencellado á malformación ou discapacidade do feto. "A vida non é unha concesión graciosa" indicou a pasada segunda feira o ministro argüíndo que "non pode restarse protección a un proxecto de vida como consecuencia dunha discapacidade", sentenzou. 

Aliás, os riscos para a saúde física ou psicolóxica da muller deberán ser "acreditados" e non, dixo, "unha mera declaración". A reforma que prevé presentar o executivo liderado por Mariano Rajoy, suporá unha involución a respecto da lei de supostos aprobada en 1985 pois ao entender de Ruíz Gallardón "o dereito á vida é inalinábel" e co marco normativo vixente "este non pode ser garantido". 

Para o popular, as mudanzas previstas teñen por obxecto protexer "os dereitos do non nado" por enriba dos das mulleres, de maneira que procurarán que as nais non "entendan como pretexto" o suposto de danos para a súa saúde física e psicolóxica. Neste senso, o executivo exixirá que "cumpran e acrediten" prexuízos físicos ou psocolóxicos para poderen abortar. Naqueles casos en que exista un "conflito de dereitos" entre o feto e a muller "acreditarase ese conflito" entendendo, aliás, que a discapacidade será "incompatíbel" en todo caso co dereito á interrupción do embarazo.