A protesta contra a incineradora do Deza chega ao Parlamento

Esta segunda feira a Comisión Promotora, formada por colectivos cidadáns contrarios á incineración, presentará unha iniciativa popular no Rexistro do Parlamento da Galiza.

Varios colectivos cidadáns presentarán esta segunda feira no Parlamento galego unha iniciativa lexislativa popular (ILP) "para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos na Galiza". Os membros da Comisión Promotora, integrada por representantes de entidades ecoloxistas, sindicatos e organizacións sectoriais, así como colectivos cidadáns contrarios á incineración, entenden que é preciso clarificar e darlle forza xurídica á xerarquía dos "3R" consagrada pola normativa actual, para que sexa realmente de obrigado cumprimento. É nesa liña que esta ILP establece unha serie de medidas para a aplicación efectiva destes principios, excluindo a incineración como opción principal para o tratamento dos residuos na Galiza.

A medida pretende que se faga efectiva a exclusión da incineración na Galiza

Rojo denega sala de prensa
Despois do acto de entrega da documentación estes colectivos teñen pensado dar unha rolda de prensa ás portas do Parlamento. Segundo explican nun comunicado "a Presidenta do Parlamento, Pilar Rojo Noguera, denegounos a cesión dunha sala no edificio para atender aos medios".
A iniciativa pasará os trámites habituais e se se admite a trámite a Plataforma deberá presentar máis de 15.000 adhesións para que sexa debatida nun Pleno.