Editorial Sermos323: A prioridade

Mobilización feminista

Máis un 25 de novembro volvemos berrar non ao patriarcado e volvemos poñer sobre a mesa as deficiencias dun sistema que ora por acción ora por omisión non protexe o dereito a unha vida libre de violencias para as mulleres. A mala praxe custa a vida de mulleres e de crianzas.

 

Malia dispormos dun corpo normativo que recolle a natureza estrutural da violencia de xénero e medidas para actuar desde diferentes ámbitos, fallan a concienciación, a sensibilidade e a formación. E tamén os recursos, nomeadamente os económicos. O primeiro paso debe ser considerar a loita contra a violencia machista unha prioridade.

 

Que Galiza só conte con dous xulgados específicos de violencia de xénero denota un desleixo gobernamental á altura das campañas institucionais que poñen o foco sobre a vítima e non sobre o agresor ou do proceso interminábel que a muller ten que afrontar após a denuncia. Son básicos os medios humanos, materiais e técnicos para prestarlle unha debida atención a unhas vítimas que cargan coa pesada mochila da violencia machista.

 

Son necesarias políticas públicas cun enfoque de xénero integral que contribúan a empoderar as mulleres, mais tamén hai que traballar cos homes para que a travesía non sexa en balde. Un cambio social, cultural, económico son fundamentais. E tamén sentimental, porque o amor romántico mata.