A policía española recoñece redadas racistas contra inmigrantes e non deixará de as practicar

[Imaxe: SG]
Así o sinala o informe anual de 2012 que vén de presentar a Defensora do pobo en que recoñece que malia ter transladado recomendacións ao Ministerio de interior nesta liña, estas non foron aceptadas


A policía española seguirá a practicar redadas racistas. Así o sinala o último informe publicado pola Defensora do pobo, Soledad Becerril, ao facer públicas as reiteradas recomendacións que fixo chegar ao Ministerio de interior na liña de "erradicar os controis de identificación baseados en perfís étnicos e raciais".

A Dirección xeral da policía recoñece esta práctica e non ten ningunha intención de acabar con ela, malia a circular emitida hai un ano en que anunciaba que se evitarían as identificacións de persoas inmigrantes cando estas fosen "innecesarias, arbitrarias e abusivas".

Así as cousas, Soledad Becerril explica no documento presentado esta quinta feira que as recomendacións realizadas perante a Dirección xeral da policía foron na liña de interpretar correctamente os supostos de "detención cautelar" e se evitase o translado a comisaría de cidadá(n)s estranxeir@s que acceden a se identificar. Para alén disto, a Defensora española reclamou instrucións para "erradicar" os controis arbitrarios fundamentados en criterios raciais e étnicos. Por derradeiro, quixo destacar tamén as recomendacións relativas "á identificación persoal dos axentes do CNP e da GC".

"A Dirección xeral da policía aceptou o recordatorio e a recomendación relativa á improcedencia de prender e transladar a dependencias policiais cidadáns estranxeiros debidamente identificados, mais non aceptou a recomendación para que se impartisen instrucións oportunas para erradicar a práctica policial dos controis de identificación e para que se arbitrasen mecanismos de control a posteriori", recolle o informe redactado por Becerril en que a Defensora acrecenta que non descarta encargar a un organismo externo "competente" a supervisión das actuacións policiais.

Soledad Becerril fala das cargas policiais que se produciron en diversas mobilizacións cidadás que ao longo de 2012 se realizaron en todo o Estado. Informa que ao solicitar información á DXP ao redor desta cuestión "a actividade dirixida a determinar responsabilidades foi escasa" malia recoñeceren que nalgúns casos se produciron "graves lesións" a manifestantes e noutros casos "a desproporción no uso da forza é evidente". Nesta liña sinala o documento que a Defensora do pobo seguirá a reclamar datos ao respecto.