A policía local de Tui mallou nun mozo con minusvalía durante o xuízo das preferentes

Foro: @carmenquintela

Segundo afirma o denunciado Xulio Vicente, o alcalde deu a orde de intensificar a represión contra as protestas de afectad@s. O Fiscal pediu a súa absolución após ser imputado por chamar “gorila” a un axente municipal

 

Non deixan de aparecer novos e arrepiantes casos que confirman a escalada represiva contra todo movemento de protesta, nesta ocasión contra un dos máis activos do país, o das plataformas de afectad@s polo calote das preferentes e subordinadas. A pasada terza feira, durante a concentración en solidariedade con dous compañeiros denunciados pola policía local que estaban a ser xulgados, un manifestante minusválido foi fortemente golpeado polos axentes municipais de Tui.

Así o denuncia a propia persoa xulgada, Xulio Vicente. “O meu é pouca cousa comparado co que lle fixeron a un compañeiro, circunstancia que coñecín ao saír da declaración. Un home que ten unha minusvalía psíquica dun 63 por cento por culpa dun accidente de coche e que logo inverteu toda a indemnización en preferentes pediu entrar no xulgado para facer as súas necesidades, impedíronllo e entón foi facelas a unha esquina, onde foi interceptado por policías locais que mallaron nel”, relata. “Este feito non fai senón confirmar que o alcalde deu ordes directas á policía de ir con todos os medios contra a plataforma de afectad@s polas preferentes, buscando así que deixemos de protestar, pero eu sei que non o vou facer”, engade.

Vicente foi denunciado por chamar “gorila” a un garda local. “Supoño que isto quedará en nada posto que o fiscal pediu a miña absolución. Eu só falei dos 'gorilas que ten o alcalde ao seu servizo' e a partir de aí que pensen o que queiran, pero quen mire no dicionario verá que 'gorila' tamén alude a un garda de seguridade”, comenta. A acusación pide unha multa por desacato de entre 200 e 2.000 euros. Tamén foi denunciado outro preferentista que se atopa en tratamento psicolóxico.