A Plataforma Salvemos Cabana denunciará en Bruxelas a autorización á mina de Corcoesto

Manifestación Coristanco contra a mina

Advirten que se a Xunta de Galiza autoriza a súa instalación acudirán "ás instancias europeas" para defenderen "o territorio" e "os habitantes" dos Concellos afectados pola súa instalación. Desde a plataforma denuncian que o presidente da Xunta protexa os intereses das transnacionais mesmo cando estas incumpren coa lexislación comunitaria. 

 

'Salvemos Cabana' continúa adiante coa loita contra a instalación da mina a ceo aberto en Corcoesto. A plataforma cidadá para a defensa do territorio e a saúde da veciñanza da comarca, asegura que elevará as súas denuncias para alén das fronteiras galegas e advirte que "esgotará todas as vías posíbeis" se a Xunta de Galiza teima en autorizar a implantación do proxecto mineiro. 

Neste senso, a plataforma asegura que acudirán ás institucións comunitarias para denunciar o que din é "un flagrante intento" por parte da Xunta de impor "un proxecto que pode carrexar gaves consecuencias" para a bisbarra. Destarte, apelan ao ordenamento xurídico da propia UE para apoiaren as súas exixencias e instan á Xunta de Galiza a "asumir" as decisións adoptadas desde Bruxelas. 

De acordo coa Declaración de Berlin (2000) o emprego do emprego do cianuro de sodio en labores mineiras "non pode aceptarse polos seus danos irreversibles ao ecosistema" para alén, continúa o texto de non ser posíbel garantir "unha minaría de ouro segura" naqueles casos en que se empreguen produtos que conteñan cianuro na extracción do mineral, como acontece no proxecto mineiro de Corcoesto. Aliás, salientan desde a plataforma, o propio Parlamento europeo denunciou en 2010 os "enormes danos ecolóxicos" que deveñen deste tipo de explotación mineira sinalando que "nos últimos 25 anos" se teñen rexistrado "máis de 30 accidentes importantes relacionados coa vertedura do cianuro" a nivel internacional. 

Así mesmo, e para alén do prexudicial para o territorio, o Parlamento enfatizou naquela altura a ameaza que estas prácticas supoñen para a saúde das persoas. Neste senso, denuncian desde a Plataforma 'Salvemos Cabana', o líder do executivo galego estaría a incumprir as súas obrigas legais ao pór en risco "a saúde humana e do medio", de continuar adiante coa concesión mineira. Meste senso, advirten que recorrerán "ás instancias que resulten pertinentes a nivel europeo" para "salvagardar a saúde e seguridade das poboacións afectadas e a protección ambiental da zona".