A Plataforma pola Defensa de Corcoesto traballa para que ninguén financie o proxecto

Barclays Bank e Credit Suisse, as entidades que financiarán o proxecto mineiro da empresa canadense Edgewater, recibiron cartas da Plataforma para que non participen na desfeita. Credit Suisse xa se comprometeu a analizar a información.

A financiación do proxecto mineiro en Corcoesto podería deixar sen efecto a súa realización. A Plataforma pola Defensa de Corcoesto sabe que se non hai cartos, non hai mina: por este motivo remitiu aos consellos de administración das entidades Barclays Bank e de Credit Suisse, con sede social en Londres e Suíza, respectivamente, un informe sobre o que Edgewater quere facer nesta zona de Bergantiños. O traballo enviado ás entidades bancarias realizouno a Universidade de Vigo e nel certifícase que "o proxecto de explotación unicamente pode asegurar un 22% dos recursos auríferos de Corcoesto".

Xunto ao informe a Plataforma enviou un dossier coas alegacións presentadas, un resumo de prensa e outros informes

O informe cuestiona un dos parámetros fundamentais para determinar se os xacementos son explotábeis ou non, a lei de corte. O informe remata sinalando que “a xustificación dos recursos queda en dúbida xa que, en opinión da empresa mineira, dúas terceiras partes deles non están convenientemente xustificados e iso contravén o disposto no regulamento da Lei de Minas”.

Xunto ao informe a Plataforma enviou un dossier coas alegacións presentadas, un resumo de prensa que dá conta que existe unha oposición social ao proxecto na Comarca de Bergantiños e outros informes que sinalan os perigos ecolóxicos e sanitarios que mina causaría na zona. A petición da Plataforma vai no camiño de que as entidades financeiras "respecten a súas respectivas estratexias de Responsabilidade Social Corporativa, e que non se convertan en cómplices dun proxecto que destrúe a riqueza paisaxística do noso territorio, contamina o medio natural, destrúe as actividades económicas tradicionais e xera pobreza a medio e longo prazo".

Unha das entidades bancarias, Credit Suisse, respondeu comprometéndose a analizar a información enviada.