Novos proxectos da Organización Galega de Comunidades de Montes

As Comunidades de Montes critican o Plan Forestal e preparan novos eventos informativos

A ORGACCMM na súa asemblea anual

A Organización Galega de Comunidades de Montes está a levar a cabo diferentes iniciativas de actuación que axuden a mellorar a situación dos montes galegos, como a preparación de asembleas informativas

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) está a levar a cabo diferentes actuacións co fin de mellorar a situación do monte galego. O pasado 20 de marzo, celebrouse a asemblea anual da organización na que se abordou, entre outros moitos temas, a cuestión referida ao Plan Forestal, recentemente aprobado pola Xunta de Galiza.

Xosé Alfredo Pereira, presidente da ORGACCMM, expón que a organización está en contra do Plan Forestal por moitos motivos, entre os que destaca privatización do monte galego.

A Plataforma por un monte galego con futuro, na que participa a ORGACCMM, tamén critica esta cuestión afirmando que o Plan “responde unicamente a intereses de carácter privado”. Ademais, a plataforma tamén reprende a Xunta pola demora da prohibición de máis plantacións de eucaliptos.

Para reverter esta situación, a ORGACCMM, pretende levar a cabo unha serie de asembleas informativas por todo o territorio galego para advertir a xente do que recolle o Plan Forestal e, desta forma, combatelo con todas as argumentacións legais posíbeis, como explica Pereira.

Outros proxectos

Ademais das cuestións relacionadas co Plan Forestal, a Organización Galega de Comunidades de Montes está a traballar noutras cuestións. Por unha parte, preocúpalle a invasión de motos nos montes galegos e do dano que está a causar, outro dos problemas tamén abordados na asemblea do pasado sábado.

Xosé Alfredo Pereira, presidente da ORGACCMM, afirma que “o monte debe ser un espazo aberto pero ordenado e autorizado pola comunidade veciñal”

Por outra banda, a organización tamén planea levar a cabo unha campaña na que se abra un debate cos usuarios que usan o monte como un lugar de ocio. Nestas charlas, preténdese aclarar o que suporía que os montes fosen un ben privado, unha cuestión coa que a ORGACCMM está totalmente en contra, así como defender que “o monte debe ser un espazo aberto pero ordenado e autorizado pola comunidade veciñal”, como afirma Pereira.