A oposición exixirá no Parlamento galego a paralización da contrarreforma do aborto

[Imaxe: SG]

BNG, AGE e PSdG transladan a súa intención de debater na Cámara unha proposición non de lei redactada pola Plataforma polo dereito ao aborto en que se fai fincapé en que "non existe ningunha necesidade desa modificación lexislativa" e en que "non pode ser a Igrexa quen dite as leis"


"Queremos que o Parlamento galego vote" e instar o Goberno galego a que se dirixa a Madrid para que paralice a contrarreforma da lei do aborto que prepara o ministerio de Xustiza. Son as dúas premisas das que parte a proposición non de lei que a recentemente creada Plataforma polo dereito ao aborto partillou nesta segunda feira coas tres forzas políticas da oposición (BNG, AGE e PSdG) na procura de apoios para impedir que se aprobe unha modificación que imporá a maternidade e devolverá o dereito das mulleres a escoller a tempos anteriores a 1985. 

A lei, contra a que se revolven até no propio PP polo seu carácter reaccionario, pretende rachar coa actual normativa de prazos, vixente desde 2010, para volver a un sistema de supostos e eliminar aquel que non criminalizaba a interrupción voluntaria do embarazo en caso de que o feto tivese malformacións. "Non existe ningunha necesidade desta modificación lexislativa", salienta Mabel Pérez, que fixo as veces de voceira desta plataforma que aglutina por volta de 50 entidades e que entende que "non pode ser a Igrexa católica a que lexisle".

"Por riba do marabilloso de ser nai está o dereito a decidir cando selo"

Pérez Simal quixo deixar claro que "nós tamén defendemos a vida, isto non é unha batalla dos provida", enfatizando que por riba "do marabilloso de ser nai" está o dereito das mulleres a decidiren cando queren ser nais. Recalcou que "as mulleres non imos deixar de abortar porque se mude a lei" subliñando máis unha vez que o que carrexará a criminalización desta práctica será que aquelas grávidas con recursos irán ao estranxeiro interromper o seu embarazo e aqueloutras sen recursos "serán condenadas a abortos clandestinos ou a continuar cun embarazo non desexado".

Contra isto, o que reivindica a Plataforma é "un aborto libre, gratuíto e na sanidade pública, que non se nos tutele, non necesitamos salvadores nin protectores". Mabel Pérez vinculou o texto da contrarreforma con "presións e chantaxes" da Conferencia episcopal española, o Foro de la familia e o resto de organizacións que se autodenominan 'provida' entre as cales se atopa a Red Madre, en cuxas mans a Xunta está a deixar a atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres na Galiza financiando con diñeiro público os seus centros privados.

Na xuntanza mantida con BNG, AGE e PSdG os tres grupos parlamentares transladaron o seu apoio á proposición da Plataforma cidadá, así como a intención de a levar ao Parlamento galego para fomentar o seu debate na Cámara e que @s deputad@s do PPdG se pronuncien. A oposición xa o fixo: exixirán a Gallardón a paralización da súa contrarreforma.