Maré de solidariedade percorre Carballo contra o proxecto mineiro de Corcoesto

Corcoesto

Centos e centos de persoas, procedentes de diferentes comarcas de Galiza, maniféstanse en Carballo para mostrar o seu rexeitamento e oposición ao proxecto mineiro de Edgewater en Corcoesto. "Unha agresión ambiental, económica e mesmo social a esta comarca e a este país".

 

Foi unha maré de xente procedente de diferentes comarcas do país (do sur ao norte, do leste ao oeste) a que se xuntou en Carballo para rexeitar o proxecto dunha multinacional de Canadá para explotar unha mina de ouro en Corcoesto. A convocatoria de plataformas e colectivos da comarca que loitan contra o macroproxecto foi apoiada por organizacións políticas, sindicais, ambientalistas culturais ou cidadás. Tamén por rostros do mundo da cultura, como Manolo Rivas, que mesmo se dirixiu aos presentes ao finalizar a manifestación: “Hoxe, en Carballo, temos o noso Grândola”.

A manifestación partiu do aparcadoiro do Halley para percorrer as rúas de Carballo. Faixas e palabras de orde daban conta da oposición á mina. “Cianuro tururú, que o metan polo cu” foi unha delas. Mais tamén “Manda carallo, din que a mina dá traballo”, “Esta mina, contamina”, “Se a mina non fai dano, que a leven para San Caetano” (sede da Xunta) ou as clásicas: “O pobo unido, xamáis será vencido”.

Desmontar a mentira, defender a Terra

'Salvemos Cabana' lembrou estes días en catro puntos resumidos as razóns da oposición ao proxecto de Corcoesto. Razóns que foron reivindicadas e lembrados durante todo o percorrido polos e polas manifestantes: É unha bomba de reloxería ambiental; emprega materiais altamente contaminantes; ten impactos sobre a saúde; e non vai xerar traballos, alén de destruír moitos dos existentes no sector primario da comarca.

A mobilización contou co apoio de entre outros, da maior parte das forzas políticas galegas, agás o Partido Popular. Desde o BNG -coa presenza do seu portavoz nacional, Xavier Vence- até CxG, pasando por AGE -con Beiras á cabeza- Nós-UP, ou Causa Galiza. Tamén o apoio sindical (CIG e CCOO) quedou plasmado día antes da mobilización.

“O ouro puro de Corcoesto sodes vós”

A manifestación finalizou na alameda de Carballo. Alí procedeuse á lectura do manifesto a cargo d@s escritor@s Rosalía Fernández Rial e Manolo Rivas. Rivas sinalou que este 14 de abril, en Carballo “estamos a facer o noso Grândola”, en referencia á canción emblemática da Revolução dos Cravos de Portugal. Rivas, entre aplausos, tamén sinalou que na zona había “ouro puro”, e que ese “ouro puro sodes vós”, en referencia numerosa presenza de manifestantes.