O goberno español aproba unha Lei de Costas contra o litoral como patrimonio de toda a cidadanía

Factoría de ENCE na Ría de Pontevedra
O Consello de Ministros aprobou unha modificación da Lei de costas que salva a milleiros de vivendas e instalacións ilegais e recorta a idea de litoral como patrimonio público e común de toda a cidadanía. Colectivos ambientalistas denuncian que a nova lei beneficia a especuladores e contaminadores.

 

O Consello de Ministros español aprobou esta sexta unha nova Lei de costas, unha norma impulsada polo ministro Arias Cañete e que, como el mesmo recoñeceu, vai "xerar a confianza dos inversores extranxeiros". Esta lei derroga a que está en vigor, de 1988, e que en certa forma "garantíu até o de agora a protección ambiental e o uso público do litoral fronte á especulación e os intereses dos grandes grupos inmobiliarios e industriais", segundo colectivos como Adega.

A nova lei salva milleiros de vivendas ilegais existentes no litoral do estado español, alén de 3.000 chiringuitos e centos de instalacións de empresas e industrias, moitas delas responsábeis de episodios de contaminación e degradación ambiental. Con esta norma, amplíase a 75 anos as licenzas que impiden a demolición de todas estas edificacións.

O propio ministro afirmou que esta prórroga, que ule a sine die, adoptouse tamén para evitar o dano a imaxe de España de demolicións de centos de instalacións ilegais. A prórroga, logo, semella non terse adoptado para protexer ás familias que viven nas vivendas, senón para non prexudicar a marca España ante mercados e inversores estranxeiros.

As rías galegas, no ponto de mira

A nova lei xa foi respostada por colectivos e organizacións ambientalistas e de defensa da costa e o litoral como un patrimonio público e común de toda a cidadanía. Neste sentido, desde entidades como Adega considérase que a Lei de Costas vai beneficiar a especuladores e contaminadores e que supón antepoñer os intereses "privados aos públicos e condenar ao ladrillo a milleiros de quilómetros de costa, comezando polas rías galegas". 

"É xusto o que quería ENCE para botar outros 70 anos máis emporcando a ría de Pontevedra", afirma Adega

ENCE

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza tamén afirma que coa reforma aprobada polo actual goberno, favorécense os intereses privados en detrimento do ben público mediante a modificación do dominio público marítimo-terrestre (DPMT), a redución da servidume de protección e a ampliación do prazo das concesións. "É xusto o que quería ENCE para botar outros 70 anos máis emporcando a ría de Pontevedra", alertan.