A moda sostíbel na Galiza

Transformar a produción téxtil na busca dun consumo consciente

Naftalina, tenda de roupa de segunda man en Santiago. Foto: Laura Veiga

Segundo a ONU, a industria da moda é a segunda máis contaminante do planeta. Durante a súa produción e transporte, é a responsábel de 10% das emisións de carbono de todo o mundo e de 20% das augas residuais, debido aos numerosos vertidos tóxicos en ríos e mares.

 

Até 85% das prendas son desbotadas nos vertedoiros ou incineradas.  Para producir un pantalón de algodón requírense arredor de 10.000 litros de auga. O poliéster tardará máis de 200 anos en descompoñerse. Aínda así, Greenpeace afirma que, de media, “unha persoa merca na actualidade un 60% máis de roupa e mantena a metade de tempo que fai 15 anos”.

 

Tras ser conscientes destes datos, nestes últimos anos comezaron a xurdir marcas de moda que apostaban, e seguen a apostar, en facer algo diferente na industria. “A moda sustentábel, para min, é a moda que coa súa actividade xera un impacto positivo a nivel social e medioambiental. A moda que fai reflexionar e que traballa para mudar o modelo produtivo, económico e de consumo” define María Almazán, a fundadora e directora de sustentabilidade de Latitude, en conversa con Sermos Galiza.

 

Falando do consumo, Marián, fundadora de Racataplan, unha tenda galega de moda sostíbel para nenos, afirma a Sermos que “os hábitos de consumo da sociedade son novos. Hai apenas vinte anos, non se consumía tan vorazmente, quizais tiñamos máis dun par de zapatos, mais non dez. Eu son optimista e penso que algo tan absurdo ten que mudar só”. Aclara isto recorrendo á cita de Eduardo Galeano:

“- Sabes en que te diferencias ti do teu avó? En que ti tes dez pares de zapatos e el tiña un.

- Sabes en que vos parecedes? En que os dous tendes dous pés”

A filosofía da moda sostíbel, denominada Slow Fashion debido aos seus longos prazos de produción e de consumo, é considerada demasiado cara pola maioría dos consumidores. Porén, o que defende esta idea é que, no canto de mercar quince camisetas baratas nunha gran compañía e usalas un par de veces, merquemos unha camiseta producida de xeito ecolóxico e utilicémola varios anos. Mais para chegar a ter un fondo de armario sostíbel deste xeito, requírese unha mudanza nos hábitos de consumo da sociedade. A fundadora de Racataplan destaca a ironía da situación: “os hábitos na sociedade non van mudar se non hai alternativas de consumo, pero esas alternativas, en moitos e amargos casos, non son economicamente sustentábeis sen a mudanza de hábitos”.

 

Ademais, as grandes cadeas de moda contribúen a unha explotación laboral continua. “Actualmente, 87% dos zapatos fabrícanse en Asia, onde o salario mínimo é a metade do necesario para vivir con dignidade no caso de China ou unha quinta parte no caso de Bangladesh. Por outra banda, o persoal só leva 2% do prezo final do calzado que fabrica”, declara a ONG Ropa Limpia, após analizar 23 empresas da industria. Ademais, entre 80% e 90% do coiro que consumimos na nosa vestimenta cúrtese con sales de cromo, considerado canceríxeno pero bastante máis barato cá o curtido vexetal. Alén diso, a exposición ao ácido crómico pode provocar danos oculares irreversibéis, irritacións nas vías respiratorias (podendo chegar a desenvolver asma) e úlceras cutáneas graves.

 

Os hábitos na sociedade non van mudar se non hai alternativas de consumo, pero esas alternativas non son economicamente sustentábeis sen a mudanza de hábitos.

 

“Aínda hai moito oculto; após da traxedia do Rana Plaza, na que morreran 1.134 persoas e máis de 2.500 resultaran feridas, pechar os ollos resulta máis difícil. Alén do horror das perdas humanas, o que ficou ao descuberto foran unhas condicións de traballo que teñen que chamarse polo seu nome: escravitude” xustifica Marián.

 

Recentemente, algunhas grandes compañías comezaron a introducir pequenas coleccións de moda ecolóxica nos seus almacéns, pero a fundadora de Racataplan é escéptica ante estas accións. “A min gustaríame pensar que é un paso, mais non o creo en absoluto. O que veñen certificar estas accións é que hai unha mudanza  na sociedade, unha preocupación, e as grandes marcas toman medidas comerciais. Non é críbel que exista unha verdadeira vontade, se existise, quen estaría en mellor posición para comezar a mellorar seriamente que os máis ricos do mundo?”.

Pola contra, María Almazán considera que “ o importante é a transparencia de todos os proxectos que traballan en moda sostíbel, veñan de onde veñan”, aínda que tamén defende que é preciso pensar o que supón unha relocalización da produción téxtil actual. “O impacto, por exemplo, en Galiza, sería mínimo para a marca, mentres que é transcendental no territorio, non só no económico senón tamén no emocional. Cada un confórmase co que quere, se nos conformamos con ter a persoas en situación de absoluta precariedade mentres aquí esiximos condicións salariais xustas estamos apoiando un sistema no que pensamos que as persoas non valemos o mesmo segundo onde nacemos”.

 

 

 

 

 

 

 

En Galiza

A pesar de que actualmente no panorama galego podemos atopar varias marcas de moda sostíbel, na opinión de Marián a situación é que “Galiza e os países veciños levan anos de atraso a respecto de Europa. Coido que na Galiza temos unha imaxe idealizada de certos empresarios do sector textil e iso fixo valorar, durante moito tempo, con certa incredulidade o terríbel impacto das súas empresas no medio natural e humano ou a ínfima calidade das prendas que nos ofrecen. Na Galiza, acho que a orixinalidade das novas iniciativas vén reforzada por unha tradición artesanal aínda viva hoxe en día. Hai propostas únicas e que, sen dúbida, van perdurar”.

 

Se nos conformamos con ter a persoas en situación de absoluta precariedade mentres aquí esiximos condicións salariais xustas estamos apoiando un sistema no que pensamos que as persoas non valemos o mesmo segundo onde nacemos.

 

Segundo a fundadora de Latitude, o maior obstáculo en Galiza é “a transformación dun sector que levaba anos deostado, podendo converter o sector produtivo nun foco de atracción de producións relocalizadas se sabemos facelo ben e non intentamos imitar modelos obsoletos”. A pesar deste gran obstáculo, “en Galiza contamos con iniciativas que levan moitísimo tempo a traballar en termos de consumo consciente e que poden aportar moita información: a rede galega de consumo consciente, asociacións, grupos de consumo e cooperativas”.

Alén das marcas sustentábeis, están as tendas de roupa de segunda man. Segundo un estudo de The Waste and Resources Action Plan de Reino Unido, “estender a vida dunha prenda dous anos reduce entre o 5% e o 10% a pegada de carbono, ao tempo que reduce a contaminación da auga e a produción de refugallos”. Polo tanto, aínda que a roupa que se venda neste tipo de tendas non foi producida de xeito sostíbel, trátase de alongar a súa vida útil o máximo posíbel.

 

Naftalina é unha tenda situada na zona vella de Santiago que resulta ser unha das primeiras tendas de roupa de segunda man abertas en Galiza, arredor do 2002. Dende alí explican a Sermos Galiza que as principais vantaxes de mercar de segunda man son “a maior calidade das prendas por un prezo menor e a conciencia medio ambiental, xa que a roupa barata que mercamos está producida do xeito que todos sabemos e a consumimos igual”.  Aínda así, non todo é bo, “ a xente non está moi concienciada con este tipo de tendas e só con esta tenda non se vive, temos que traballar de algo máis”.

 

Ademais de Naftalina, na rúa Rosalía de Castro, a tenda Dignidad xorde dun proxecto da Asociación Dignidad Galicia coma “un medio de canalizar a roupa doada cara aos usuarios da entidade que a precisan así coma para obter os recursos económicos necesarios para manter outros programas sociais que ofrece a Asociación. Isto permite xerar emprego para persoas en situación de exclusión nas diversas tendas espalladas por Galiza e a colaboración na conservación do medio”.

 

Para conseguir implantar a sustentabilidade na nosa vida diaria, María Almazán aconsella “que cada persoa reflexione sobre as súas causas e os problemas sobre os que quere incidir. Sobre todo, hai que facelo con tranquilidade e reflexión. Tamén é importante tomalo con calma e non anguriarse coa sensación de que non se pode facer nada: hai moito que facer e todos podemos poñer a nosa enerxía en mudar as cousas”.

Nota: as fotos de arriba a abaixo son 1.Sudadeira (de Racataplan), 2 .María Almazán (de Ashoka), 3.Tenda Naftalina (de Laura Veiga), 4.Tenda Dignidad (de Asociación Dignidad Galicia).