A mocidade galega, xunta pola abolición das touradas

Cartaz de Galiza Nova
Até nove colectivos xuvenís asinan un manifesto en contra da actividade e do seu financiamento con cartos públicos. Galiza Nova convoca para este domingo unha concentración en Sarria, cadrando coa realización dun evento taurino, para mostrar a repulsa a unha actividade que 'nin é festa, nin é nacional'

Até 9 organizacións xuvenís da Galiza veñen de asinar o manifesto O futuro: Abolición, en contra das touradas e do financiamento con cartos públicos deste tipo de espectáculos que, atendendo á letra do texto, cualifican de "macabros, cruentos e trasnoitados". É este o primeiro pronunciamento contra a tauromaquia que xunta colectivos de actividade hetereoxénea.

Demostra isto que "a mocidade galega rexeita de xeito maioritario" esta actividade, tal e como adiantara xa o inquérito difundido pola plataforma Galiza, Mellor sen Touradas a través do seu colectivo xuvenil Mozos pola Abolición. Segundo aqueles datos, de celebraren un referendo sobre a subvención a festexos taurinos, o o 89,6% das persoas de entre 18 e 29 anos votaría polo 'non'.

Así as cousas, recalcando que as touradas "non forman parte da nosa cultura nin da nosa idea de respeto cara os animais", as nove organizacións presentan este manifesto cadrando coa realización de máis un festexo taurino en Sarria, e co anuncio do Concello da Coruña de seguir financiando a feira local pola porta de atrás, ao cedérenlles de maneira desinteresada o equipamento e as instalacións municipais ás empresas encargadas da organización do evento.

En Sarria, o 24 de xuño ás 17.30h diante da Praza de Touros, haberá unha concentración en repulsa da tauromaquia convocada por Galiza Nova, un dos colectivos asinantes do manifesto. Os outros oito son Isca!, Iesga, Comités Abertos, Mocidade do Encontro Irmandiño, Xuventudes Socialistas de Galicia, Área de Mocidade de Esquerda Unida, Mocidade Nacionalista Galega e Mozos pola Abolición.