A mina de Corcoesto volve ao Parlamento europeo cos informes que a Xunta obviou

Máis unha pregunta parlamentar dirixida á Comisión quere saber que información lle foi transladada a este organismo polo Goberno español sobre a explotación a ceo aberto que recibiu xa o visto e prace da consellaría de Medio Ambiente


Na mesma liña en que o BNG se pronunciou hai dez meses a través da eurodeputada Ana Miranda, máis unha pregunta dirixida á Comisión europea quere determinar canta información se maneza neste organismo ao redor das intencións de Edgewater, a empresa canadense que quere explotar unha mina a ceo aberto de 770 hectáreas de extensión nos montes de Corcoesto, afectando os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso.

Do que se trata é de concretar se o proxecto, que recibiu xa o informe favorábel da Xunta a través da consellaría de Medio Ambiente, se axusta á normativa comunitaria en materia medioambiental, nomeadamente a respecto da normativa de augas. Para alén do uso de cianuro para separar o ouro das rochas, a explotación mineira aumentará tamén os niveis de radon, un gas catalogado como canceríxeno.

A pregunta recolle os dados do informe realizado polo Instituto de investigacións mariñas da Universidade de Vigo que difundiu a Sociedade galega de historia natural, con quen contactou Sosa para coñecer de primeira man a información após vela publicada na imprensa española. Aliás, translada tamén á Comisión a "maioritaria oposición social ao proxecto" reflectida nas máis de 22.500 sinaturas en contra recollidas pola plataforma cidadá Salvemos Cabana.

Por derradeiro, alerta do risco da "supervivencia" de "miles de empregos" asociados ao sector primario e ao turismo. A pregunta 
vai asinada polo eurodeputado Francisco Sosa (UPyD), quen se ten posicionado xa en contra da megaminaría respecto doutros proxectos, como o da explotación nos lagos de Salave, en Asturies.