A loita contra as touradas pide espazo no debate político cara ao 21-O

Animalistas chaman a unha ''maior conciencia'' nas forzas que procuran representación no Parlamento galego: piden actualizar a lei de protección animal do 93 e renovar o Espazo parlamentar pola defensa dos animais, creado nesta lexislatura e do que fixeron parte BNG e PSOE. Prohibir os espectáculos de tortura volve ser a principal prioridade

Co obxectivo de que os partidos políticos que se presentan ás eleccións do 21 de outubro se comprometan a actualizar a normativa de protección animal e fagan súas unha serie de propostas "perfectamente asumíbeis", as organizacións animalistas Libera, Fundación Franz Weber, Galicia mellor sen touradas e o Observatorio de fauna salvaxe en cautividade convocan BNG, PSOE e Alternativa galega de esquerdas a encontros bilaterais de debate e a se inseriren no Espazo parlamentar pola defensa dos animais, creado nesta lexislatura e do que fixeron parte tres deputad@s do BNG e catro do PSOE.

Nesta liña, unha das prioridades destes colectivos xirou ao redor da presenza de crianzas nos festexos taurinos, que na Galiza fica prohibida para menores de 12 anos desde decembro de 2011, após saír adiante no Parlamento galego unha proposición non de lei do BNG neste sentido. Porén, non tranquilizou as súas demandas respecto deste espectáculos. 

"Non imos pedir a súa supresión, pois sabemos da correlación de forzas aquí, mais non abdicamos desa reclamación porque non podemos soportar o sufrimento dos animais e porque hai unha motivación ideolóxico-política para españolizar o noso país", enfatizou daquela o deputado Bieito Lobeira, autor da proposición.

Conquerido tal logro, a idea d@s animalistas e seguir traballando nese vieiro, man a man coas e cos responsábeis políticos. Din as organizacións antes citadas que "o benestar animal é unha preocupación crecente na cidadanía galega", e lembra que as leis nacionais de protección son "das máis desfasadas" do estado, pois datan de 1993 e contemplan aínda excepcións como o tiro ao pombo. O abandono de animais acada na Galiza cifras de até 20 mil ao ano, polo que reclaman destas forzas políticas que concorren ao Parlamento galego "unha maior conciencia" para promover campañas de adopción en todo o territorio.