A Limia pon os tractores na rúa para rexeitar a mina de feldespato que a Xunta ampara

[Imaxe: SG]

Os vehículos agrícolas desprazáronse até a zona cero do proxecto da empresa española Minercer a modo de barreira para impedir que a explotación mineira vaia adiante: ''é a barreira que van atopar cando veñan''


Por volta de dous centos de tractores e 400 persoas a pé protagonizaron este domingo máis unha manifestación en contra da mina de feldespato que a empresa española Minercer proxecta en Xinzo da Limia e que afectaría 400 hectáreas de produción agrícola.

Na parroquia de San Pedro de Laroá, a zona cero do proxecto mineiro, simbolizaron cos vehículos agrícolas a barreira que a veciñanza interporá "cando veñan", segundo subliñou María Díaz, voceira da plataforma convocante, Corno do Monte. 

Antes de que dese comezo a tractorada, Díaz deu leitura a un manifesto en que enfatizou que levan xa medio ano "dicindo na rúa, no Concello, na Xunta e até en Bruxelas que non queremos a mina".

A mobilizacións produciuse na mesma semana en que a consellaría de Industria remitiu unha carta ás familias afectadas sinalando que o proxecto de Minarcer "segue o seu curso". Recordou Díaz que a secretaría xeral de Medio rural emitiu un informe desfavorábel á mina amparándose nos efectos que terá no desenvolvemento agrogandeiro da comarca. Porén, o informe da secretaría xeral de Ordenación do territorio foi favorábel.

'A mina ou nós'

Con máis de 400 alegacións en contra, a veciñanza limiá confía en que a Xunta reconsidere o apoio que está a prestar a este proxecto. Con todo, anuncian que "se temos que ir a Compostela con todos os tractores que temos, iremos. Non nos van quitar o pan dos nosos fillos nin o seu futuro".

O lema con que se mobilizaron, o xa coñecido 'A mina ou nós', "cobra especial importancia agora, pois achégase a meta da resolución da Xunta en que terá que decidir entre a mina ou as persoas que vivimos aquí". O protesto estivo apoiado por representantes de organizacións políticas e sindicais como BNG, Anova, Compromiso por Galicia, PSdG, Adega, Sindicato Labrego ou Fruga.